Por quinta vez, o BNG pedirá en Pleno a revisión dos acordos sobre Someso
A Coruña, 29 de marzo de 2015.- O Grupo Municipal do BNG solicitará ao pleno deste mércores, a través dunha moción, a revisión de oficio dos actos e acordos nulos de pleno dereito relativos ao sector S-7 de Someso, que é decisivo para dirimir responsabilidades no Tribunal de Cuentas. Esta será a quinta vez que as nacionalistas llo pidan ao Goberno Local do Sr. Negreira.
A revisión de oficio, salientan as nacionalistas, dos actos e acordos administrativos nulos de pleno dereito sobre Someso (sinaladamente os da Xunta de Goberno Local de 29 de outubro de 2004 (de autorización á Xunta de Compensación para que se incluíse no Proxecto de Compensación a enaxenación directa dos bens e dereitos municipais), de 30 de setembro de 2005 (aprobación definitiva do Proxecto de Compensación) e de 3 de febreiro de 2006 (corrección de erros do Proxecto de Compensación)) é o transcendental no proceso de responsabilidade contábel no Tribunal de Cuentas.
O propio instrutor do Tribunal de Cuentas da causa iniciada polo BNG salientou en referencia aos acordos de Xunta de Goberno Local, entre outras cousas, que tal conxunto de acordos constitúe a xuízo deste instrutor un elemento decisivo para despexar as hipotéticas responsabilidades contábeis.