Nova chapuza urbanística: modifícase o Plan Parcial do Ofimático para axustalo ao estudo de detalle
A Coruña, 19 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte da nova chapuza urbanística do Goberno do Sr. Negreira, no que representa "unha tomadura de pelo" e "un escándalo". E é que o Goberno municipal aprobou esta mañá en Xunta de Goberno a modificación puntual do Plan Parcial do Ofimático para o axustar ao estudo de detalle (ED) aprobado, coa abstención do BNG, no Pleno ordinario de abril.
Precisamente, as nacionalistas abstivéranse na votación porque o ED non se axustaba ao plan parcial e era ilegal, razón pola que agora se modifica o Plan parcial, para que o ED sexa legal. Chaman a atención, advirten, as contradicións do Partido Popular ao respecto, xa que, en declaracións aos medios o pasado 1 de abril, o Goberno municipal aseguraba que o reaxuste de rasantes recollido no ED non alteraba o Plan Parcial, mentres que esta mañá asegurou que hai que modificar o Plan Parcial para axustalo ao ED aprobado no Pleno de abril, co fin de que este estudo de detalle non for ilegal.
O Grupo Municipal do BNG acusa o Goberno do Sr. Negreira de perverter a lexislación urbanística, porque o ED é un instrumento de ordenaciónde rango inferior a un plan parcial, de modo que o único que pode facer é completalo ou axustarse a el, mais nunca modificalo. Trátase, sinalan as nacionalistas, do mundo ao revés, xa que é o ED o que se debe axustar ao plan parcial e non o plan parcial ao ED. O normal sería aprobar primeiro a modificación do plan parcial e, despois, aprobar o ED.
Nesta modificación non se inclúen as determinacións necesarias para dar cumprimento á sentenza do Supremo que lle recoñece a ADIF os dereitos de aproveitamento urbanístico, polo que haberá que modificar de novo o plan parcial
Por último, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que na modificación aprobada en Xunta de Goberno Local esta mañá non se inclúen as determinacións necesarias para darlle cumprimento á sentenza do Tribunal Supremo, de 14 de decemebro de 2009, sobre o recoñecemento de aproveitamento urbanístico de ADIF en igualdade de condicións que o resto de propietarios.
Así, as nacionalistas sinalan que haberá que facer unha nova modificación puntual do plan parcial para recoñecer o aproveitamento urbanístico que recolle esta sentenza do Supremo. E, de feito, o propio Goberno municipal así o recoñece dicindo que terá que haber unha modificación parcial puntual, tal e como se recolle na documentación que se achega xunto á nota: "... señalando por parte del Ayuntamiento la necesidad de continuar con la tramitación del expediente de modificación puntual y tramitar la solución a la sentencia en un expediente de modificación puntual separado".