Nótase que o Sr. Negreira non colle o bus; se non, non diría que é asequíbel
A Coruña, 12 de decembro de 2014- En base ao expediente aprobado en Xunta de Goberno Local sobre a aprobación das tarifas do autobús urbano para 2015 nótase que o Sr. Negreira non é usuario do bus; senón, non se entende que o informe proposta recolla que 1,30 euros por billete sexa un prezo axustado ao poder adquisitivo dos usuarios. As nacionalistas lembran ao respecto que o último estudo da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) inclúe A Coruña como unha das cidades co bus urbano máis caro do Estado.
O Grupo Municipal do BNG salienta que se o Goberno do Sr. Negreira quixer axustar o importe das tarifas do autobús urbano ao poder adquisitivo do pobo, co fin de fomentar o uso do transporte público urbano, revisaría a concesión da Compañía de Tranvías e mais a fórmula para o cálculo do billete. Para as nacionalistas, a conxelación das tarifas é claramente insuficiente. Denuncian as que desde que o Sr. Negreira é alcalde, subiu 15 céntimos o billete ordinario; 12 céntimos o bonobús xenérico e 7 céntimos o bonobús social.
O Grupo Municipal do BNG salienta que o prezo do bus podería conxelarse e mesmo reduciuse sen diminuír os salarios dos traballadores da Compañía de Tranvías. Así, o Bloque avoga por unha rebaixa do billete por conta dos beneficios económicos da empresa (os beneficios económicos da empresa foron de 4.846.892,73 euros en 2013), mais para iso habería que revisar a concesión, algo ao que se nega o Goberno do Sr. Negreira. Ademais, o Grupo Municipal do BNG insiste, por enésima vez, na necesidade de revisar a fórmula para o cálculo do billete, xa que, de non facerse, nada impediría que as tarifas do bus volvesen subir en 2016, incluíndo a suba que correspondería en 2015 se non se conxelasen as tarifas.