O BNG denuncia que o electoralismo do Sr. Negreira está a colapsar a cidade
A Coruña, 1 decembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG advirte de que o electoralismo do Sr. Negreira, coas súas políticas de asfalto, está a colapsar a cidade, que sofre, día a día, graves problemas de mobilidade. O caos no tráfico empeorará mañá, xa que ás obras da Mariña e de Federico Tapia súmase o inicio da fase 3 das obras de Pablo Picasso-Avenida Glasgow. Segundo informou o Goberno local, na avenida de San Cristovo reducirase de dous carrís a un carril en sentido Matogrande-Alfonso Molina cara ao polígono da Agrela. Deste xeito, tan só quedará un carril de entrada e outro de saída.
Precisamente, no modificativo de crédito aprobado polo Partido Popular, en solitario, no pleno ordinario de novembro, recóllense un total de 850.554,68 euros para asfalto de vías e ás beirarrúas. En concreto, 400.000 euros para o contrato de reparación de firmes e mantemento de beirarrúas e áreas peonís, 230.554 euros para a terceira fase do plano de renovación de firmes e 220.000 para a realización de traballos técnicos de vías.
O PMUS do PP só aposta pola xestión tráfico rodado por estrada, esquecendo medios de transporte alternativos como o ferroviario ou o marítimo
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o Plan Municipal de Sustentabilidade Urbana (PMUS) aprobado polo Partido Popular non ten en conta os medios de transporte alternativos para entrar e para saír da Coruña, nomeadamente o transporte ferroviario de proximidade e o marítimo, xa que só aposta polo tráfico rodado por estrada, no que a Compañía de Tranvías é a principal protagonista.
As nacionalistas insisten na necesidade de apostar por transportes alternativos como o marítimo e o ferroviario para entrar e saír da cidade e así acabar cos embotellamentos crónicos que sofre Alfonso Molina. Os últimos datos, de 2008, sinalan que máis de 145.000 vehículos circulan ao día por esta estrada.