O BNG reclama a posta en valor e o afortalamento dos mercados municipais

O BNG reclama a posta en valor e o afortalamento dos mercados municipais

A Coruña, 22 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha batería de preguntas para a súa resposta escrita sobre os mercados municipais, abandonados polo Goberno do Sr. Negreira. O concelleiro Xan Caxigal reclama na iniciativa que se aposte pola promoción destas instalacións, pola súa posta en valor e polo seu afortalamento. “Nos tempos de crise que padecemos, non estaría de máis que o Goberno municipal tirase dos mercados municipais para estimular a actividade económica nos diferentes barrios da cidade e mesmo para fomentar a posibilidade do autoemprego en barrios como os de Elviña, Monte Alto, Palavea, Os Mallos, a Agra do Orzán, a Pescadería ou o centro”, sinala.

O edil nacionalista critica as campañas de escaso impacto levadas a cabo polo Goberno municipal e reproba a indiferenza que sofren os mercados por parte dos responsábeis municipais. A maior evidencia, apunta Caxigal, deste estado de abandono que sofren os mercados municipais é a que representa a cantidade de postos sen explotar, pechados e sen actividade. “Dificilmente, por moito que se lle anuncie á cidadanía Calidad divina ou Entra y peca, non hai oferta suficiente porque o Goberno municipal non se preocupa por darlle vitalidade aos mercados municipais”, engade.

Neste contexto, Caxigal interésase polo número de postos desocupados ou sen actividade nos mercados da Guarda, Elviña, Monte Alto, Palavea, Ramón Cabanillas, Santo Agostiño, Santa Lucía e o das Conchiñas. Tamén pregunta cales son as medidas que ten previsto adoptar o Goberno municipal para corrixir a situación e se ten previsto realizar algunha acción de promoción dos mercados municipais efectiva e sostida no tempo.

Ademais, o concelleiro do BNG pregúntalle ao Goberno municipal se ten previsto facilitar o acceso aos postos de traballo baleiros polas persoas interesadas, se é consciente da utilidade dos mercados para a promoción do autoemprego e se vai actualizar e dotar de contidos nalgún momento a páxina web www.coruna.es/mercados.

 

 

O BNG reclama a posta en valor e o afortalamento dos mercados municipais