Non existe demanda para o aparcadoiro das Conchiñas
A Coruña, 8 de marzo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que a suposta demanda existente anunciada polo Sr. Negreira para ampliar o aparcadoiro soterrado das Conchiñas non é confirmada polo Goberno Municipal ao non contestar (achégase resposta dixitalizada) á pregunta das nacionalistas sobre cantas prazas están reservadas no aparcadoiro das Conchiñas para a súa adquisición en réxime de concesión pola veciñanza e comerciantes da zona despois de que o alcalde xustificara o pasado mes de marzo a ampliación do aparcadoiro nun 25% por mor desa suposta demanda existente.
E é que a mediados do mes de marzo nunha visita feita ás obras de construción deste aparcadoiro de pago que comezou a construírse en maio de 2013, e que tiña un prazo de 10 meses, Negreira sinalou que se decidira modificar o proxecto ampliando o número de prazas de estacionamento a 230 (estaba proxectado en 185), das cales 114 eran para rotación e 116 para venda e aluguer. Destas últimas afirmou, daquela, que o 50% xa estaban vendidas.
Mais ante unha serie de preguntas feitas polas nacionalistas o pasado 21 de abril para o pleno de maio, o Goberno Municipal non contesta cantas son esas prazas reservadas para a súa adquisición, polo que o BNG se teme que non exista tal demanda e que máis unha vez o Alcalde estea a faltar á verdade hipotecando cartos públicos, 3,3 millóns de euros, nunha obra que só vai beneficiar as persoas con máis recursos e non vai resolver o problema de conxestión de tránsito e de estacionamento do barrio.
O Grupo Municipal do BNG critica que a estas alturas a veciñanza aínda descoñeza como vai ser a urbanización da superficie e dos viarios lindantes, obras que segundo o Goberno do Sr. Negreira están contempladas no proxecto global e de execución de obras de construción do aparcadoiro. E é que como salientan as nacionalistas este espazo era unha das escasas zonas verdes das que dispuña o barrio da Agra do Orzán e que frecuentaba como espazo de lecer boa parte dos seus habitantes, sobre todo maiores e familias con crianzas.