O BNG pídelle a Negreira que se posicione en contra do peche de 210 camas nos hospitais da cidade
A Coruña, 7 de xuño de 2014- O Grupo Municipal do BNG formulará na sesión plenaria do luns un rogo oral co fin de que o Goberno do Sr. Negreira se posicione a favor das veciñas e veciños da área sanitaria da Coruña e do resto do país para non prexudicar a garantía dunha asistencia sanitaria digna e de calidade. Así, o BNG emprazará o Goberno municipal a exixirlle á Consellaría de Sanidade que paralice o peche de 2010 camas previsto nos hospitais públicos da cidade. E é que a Xunta de Galiza prevé pechar 48 camas no hospital Abente y Lago, 42 camas no Hospital de Oza, 60 camas no Hospital Teresa Herrera e 60 no propio Complexo hospitalario.
A concelleira nacionalista María Xosé Bravo lamenta nesta iniciativa que ao PP non lle abonde cos repagos por servizos sanitarios e teime en pechar 210 camas nos hospitais da Coruña. Esta decisión é unha mostra máis da política do PP de atentar contra a saúde e contra os dereitos das persoas máis débiles, recolle a edila do Bloque no rogo.
María Xosé Bravo tamén sinala que o peche de 210 camas súmase a outras decisións de deterioramento da sanidade pública na área sanitaria da Coruña, como o peche da planta de medicina interna do Abente y Lago, o colapso das urxencias, o peche da xefatura territorial do Sergas, a derivación de pacientes a hospitais privados ou a privatización do servizo de mantemento e conservación dos hospitais.