No tradicional reparto de herbas, o BNG reclama un San Xoán festivo, popular e galego
A Coruña, 23 de xuño de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego no seu tradicional reparto de herbas de San Xoán reivindicou e demandou, esta mañá, un San Xoán festivo, popular e galego. Visto que a Xunta de Galiza renunciou a declarar esta data festa nacional galega para o ano 2015, Xosé Manuel Carril solicitoulle ao Goberno do Sr. Negreira que declare o San Xoán festivo de maneira permanente.
Así o portavoz do Grupo Municipal do BNG demandou que o día de San Xoán se declare festivo de maneira permanente porque este ano ano é festivo por decisión do Goberno Local mais quedouse que era respecto deste ano exclusivamente. Para o ano que vén non se ten aínda claro que sexa festivo xa que a Xunta xa renunciou a declaralo como festa nacional galega, de modo que lle corresponde a este Goberno Local tomar a decisión de declaralo ou non festivo. Nós desde hai bastante tempo, non só no Parlamento Galego, senón tamén no propio Concello da Coruña, vimos demandando e insistindo na necesidade de que se declare festivo de maneira permanente, ben pola Xunta de Galiza, ou ben polo Concello da Coruña. E mesmo no caso concreto de que o fixer o Concello da Coruña, no caso de que cadrase cun festivo a nivel galego, non habería ningún problema porque o Concello da Coruña podería cambiar ese día por outro.
Alén disto o portavoz das nacionalistas reivindicou o carácter popular do San Xoán, unha festa do pobo, da cidadanía, da xente e para o propio pobo, de modo que non ten sentido realizar determinados tipos de gastos que son prescindíbeis e innecesarios, e que poden determinar que se acaben perdendo as tradicións, así criticou, entre outros, a contratación de músicos e grandes artistas porque nesta noite a xente non demanda tanto isto senón o que é o encontro arredor do lume, as sardiñas, as lumeiradas, as herbas , o que é o encontro en comunidade, en clan, por dicilo dunha maneira, en tribo. E desde as institucións o único que hai que facer é dotar dos mecanismos necesarios para que sexa, dalgunha maneira, unha festa segura.
Por último, Carril tamén reivindicou o carácter galego desta festa. O San Xoán forma parte da nosa tradición e do patrimonio cultural das galegas e dos galegos, enraizada no noso pobo e cuns ricos e vizosos costumes e tradicións históricas. Cómpre celebrala mantendo os seus ritos e tradicións e sinalou que podemos ser modernos mantendo as nosas tradicións e podemos exportalas sen perder un ápice do noso carácter popular e iso é o que temos que reivindicar, por tanto non ten ningún sentido promocionar esta festa en inglés na propia cidade, se se quere promocionar esta festa en Inglaterra en inglés, Alemaña en alemán, Francia en francés , mais na cidade da Coruña e en Galiza débese facer en galego.