Negreira volve mentir: non houbo conxelación fiscal durante estes anos
A Coruña, 13 de setembro de 2014- Visto que o alcalde xa está en campaña electoral ante o anuncio feito onte de que non vai tocar os impostos, imos ver se é certo, pregúntase o Grupo Municipal do BNG, pois até agora o Goberno Municipal nunca conxelou os impostos municipais. Negreira volve mentir cando sinala que os cidadáns da Coruña seguirán pagando por cuarto ano o mesmo que pagaban, abonda simplemente comparar os recibos de 2011 e 2013 (entre outros, o do IBI e o da auga) para comprobar que non houbo tal conxelación fiscal durante estes anos. A propia Conta Xeral de 2013 que foi a Pleno a semana pasada pon de manifesto que as coruñesas e coruñeses pagaron de promedio 65,64 euros máis en impostos municipais que en 2012, e iso é como consecuencia de que hai maior presión fiscal. E malia que hai que pagar máis de impostos locais, resulta que temos un concello endebedado e que incumpre ademais os obxectivos de estabilidade orzamentaria.
Lonxe de haber conxelación, realmente o que hai é un incremento das cargas impositivas
Segundo os datos da propia Conta Xeral de 2013 lonxe de haber conxelación, o que realmente hai é un incremento das impostos municipais a pagar. Así a Conta constataba un incremento da presión fiscal de 11,8% respecto 2012, pagando de promedio cada habitante da cidade en impostos municipais 622,76 euros, 65,64 euros máis que en 2012.
Maior presión fiscal, un concello máis endebedado e un concello que incumpre os obxectivos de estabilidade orzamentaria
Xunto á maior presión fiscal, a herdanza de Negreira, sinalan as nacionalistas, caracterízase por un concello máis endebedado (78,21 millóns de euros de débeda municipal) e un concello que non cumpre cos obxectivos de estabilidade orzamentaria. E é que tras se faceren públicos antes de onte os resultados individualizados dos saldos orzamentarios de todos os concellos do Estado en 2013, evidénciase que os despilfarros do Partido Popular no Concello da Coruña (Parrote e Festas, entre outros moitos gastos innecesarios) se pagan moi caros, pois a normativa de estabilidade que se aplica por igual a todos os concellos (galegos e españois) se incumpre no caso concreto do noso concello, pondo o Goberno Local do Partido Popular á Coruña na lista das poucas cidades que incumpren cos obxectivos de estabilidade orzamentaria.