Negreira a Crespo: "Me encanta hacer feliz a las personas Y tú que te sientas tan bien!!"
A Coruña, 30 de outubro de 2014.- Por moito que o Sr. Negreira trate de botar balóns fóra, a lectura do sumario sobre a operación Zeta non deixa lugar a dúbidas en relación ás amizades perigosas que tiña o alcalde da Coruña con algunhas das persoas imputadas na Operación Zeta. Con moitas delas había unha relación de compañeiros de organización política, xa que eran destacados militantes do Partido Popular, e ían alén dunha relación de mero entendemento ou de pura cortesía.
Así o Alcalde, a día de hoxe, non aclarou a que se refería cando lle dixo a Crespo: Te das cuenta? Me encanta hacer feliz a las personas Y tú que te sientas tan bien!!. Estas palabras, que lle dirixe Negreira ao suposto cerebro da trama nun SMS o 2 de decembro de 2011, contémplanse no sumario.
Dá a sensación, sinalan as nacionalistas, que a relación que tiña o Sr. Negreira co Sr. Crespo non era a relación normal como a de calquera dirixente veciñal, senón a dunha relación estreita e directísima.