Carril: "Non hai que ter medo, porque o cambio pode ser posíbel, vén da man do BNG"

Carril: "Non hai que ter medo, porque o cambio pode ser posíbel, vén da man do BNG"

A Coruña, 15 de outubro de 2012.- Acompañados de concelleiros e concelleiras e de militantes, a candidata Ana Luísa Bouza e o portavoz municipal Xosé Manuel Carril repartiron esta mañá nos arredores da Praza de Lugo material de campaña do BNG. En declaracións aos medios, Carril sinalou que “o BNG é o único cambio real que pode haber fronte á política de mentiras, de manipulación, de contaminación, do paro, dos recortes e da privatización do PP”. O nacionalista puxo de manifesto que “as únicas garantías ás políticas fracasadas do PP son as que presenta o BNG”, engadiu.

Carril apelou a cidadanía coruñesa a “non ter medo, porque o cambio pode ser posíbel, e pode ser posíbel votando o BNG, con políticas que se centran, decididamente, no traballo, o que supón impulsar os nosos sectores produtivos, na democracia, para que a cidadanía poida participar directamente nos asuntos públicos, e na soberanía, para que, como galegos e galegas, poidamos decidir como queremos vivir e traballar”. “Só así poderemos saír da crise con xustiza social”, concluíu.

Bouza chama a votar o BNG “para sermos insubmisos ás políticas que fan esmorecer a Galiza”

Pola súa banda, a candidata número tres pola Coruña, Ana Luísa Bouza, chamou a cidadanía a non se resignar, “que ninguén fique na casa o domingo, porque Galiza non pode soportar catro anos máis de políticas de dereitas, de políticas do PP que converten o país no máis desigual de Europa e que se empobrece a marchas forzadas”. Como Carril, insistiu en que “o cambio é posíbel” e sinalou que “só o BNG garantirá a soberanía que lle permita a Galiza ser escoitada en Madrid e en Bruxelas e para podermos ser insubmisos ante as políticas que fan esmorecer o país”.

“Pedímoslles aos coruñeses e coruñesas que se mobilicen, que se mobilicen como fixeron estes tres anos e medio contra as políticas de Feijóo”, apuntou. “Agora toca a mobilización co voto”, engadiu. Bouza salientou que “Feijóo e Rajoy son o mesmo” e apelou a votar o BNG “para poder paralos e para poder facerlles frente”.

 

 

Carril: "Non hai que ter medo, porque o cambio pode ser posíbel, vén da man do BNG"