Moción: O BNG reclama declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía de Castro na Coruña
A Coruña, 13 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG presentou hoxe unha moción, para debater no pleno que terá lugar mañá, en que pide declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía de Castro no Concello da Coruña e promover actividades que difundan a obra e o compromiso vital da escritora galega. Neste sentido, seguindo as propostas da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) para o 24 de febreiro, o Bloque solicitaralle ao Pleno a posta en marcha de actividades de promoción da obra de Rosalía que impliquen os veciños e veciñas da Coruña e a realización dunha lectura pública da obra rosaliana nun lugar destacado do Concello en que o alumnado dos centros escolares e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan o papel protagonista.
Ademais, o BNG empraza o Pleno a lle solicitar a Xunta de Galiza a recuperación do Día de Rosalía ao seu Calendario do Libro e da Lectura. E é que de maneira inexplicábel, a Consellaría de Cultura non recolle, para o ano 2014, o 24 de febreiro como Día de Rosalía no seu Calendario do Libro e da Lectura, como viña sendo habitual, un feito que o Bloque denuncia e que enmarca no intento de ocultar a figura dunha Rosalía viva, radical, culta e comprometida que hoxe grandes sectores da poboación coñecen e admiran.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto na iniciativa que a difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para o conxunto do pobo galego, en especial para as xeracións máis novas e sinala que a palabra de Rosalía feita poesía ou prosa reflexiva é un dos procedementos máis eficaces para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural.
O Bloque salienta que a recuperación literaria e lingüística da Galiza ten unha enorme débeda coa obra de Rosalía, que marca a ruptura da marxinalidade do galego e desafía a sociedade do seu tempo a través dun discurso comprometida coa súa terra, coas súas xentes e coa súa lingua.