O Goberno municipal aumenta os prezos relacionados coa canceira
A Coruña, 30 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno do Sr. Negreira aprobou en Xunta de Goberno Local aumentar as ordenanzas fiscais aos servizos relacionados coa canceira municipal. Así, na ordenanza fiscal número 10, que regula a taxa por prestación de servizos de sanidade preventiva relacionada con animais de compañía e outros servizos de prevención increméntanse boa parte das tarifas e inclúense outras novas que gravan servizos polos que antes non se cobraba. Isto tradúcese en que as persoas propietarias de animais terán que asumir maiores custos.
Entre os cambios, o Grupo Municipal do BNG salienta o aumento do prezo da incineración colectiva, que pasa de 22,65 a 23,51 euros por animal; do prezo do transporte por animal, que pasa de 21,34 a 22,15 euros; do prezo por recollida de animais en vía pública, que pasa de 28,76 a 30,05 euros; do prezo da entrega de animais por particular, que pasa de 49,80 a 52,03 euros e do prezo por estancia, manutención e custodia de animais de compañía na canceira municipal, por día ou fracción, que pasa de 4,01 a 4,18 euros.
Ademais, os nacionalistas advirten da creación de novas taxas, como a incineración individual dos animais por peso. Nas ordenanzas de 2012 non se contemplaba o peso e custaba cada incineración 84,05 euros. Porén, nas ordenanzas de 2013, o Goberno municipal distingue a incineración individual de animais de até 25 kg de peso, que custará 85,65 euros e a de animais de máis de 25 kg, que custará 110,74 euros. A maiores, o Goberno do Sr. Negreira creou unha taxa de entrega de camadas, cun custo de 27,69 euros por animal; unha taxa de adopción por animal, cun custo de 55,75 euros; a implantación do microchip, cun custo de 38,67 euros; unha taxa por vacina, cun custo de 17,77 euros e unha taxa por tramitación de cambio de propietario, cun custo de 17,77 euros. Isto significa que os e as coruñesas propietarias dun animal teñan que pagar por servizos polos que antes non pagaban.
Cadro comparativo cambios ordenanza nº10 2012 e 2013
O BNG advirte de que os prezos do Goberno municipal por servizos relacionados con animais disuadirá a cidadanía
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a suba do prezos dos servizos relacionados cos animais disuadirán a cidadanía de acoller mascotas. Neste sentido, critica a hipocrisía do Goberno do Sr. Negreira, que se adheriu á campaña "Sólo necesito que me quieras", en defensa da adopción de mascotas, cando, á vez, sobe os impostos relacionados con animais. Así, o Grupo Municipal do BNG denuncia que a campaña parece que está encamiñada máis a recadar que a favorecer a acollida e a tendencia responsábel de mascotas.
Neste contexto, os nacionalistas animan as persoas propietarias de animais e as asociacións animalistas a presentar emendas á ordenanza fiscal número 10.