O BNG solicita acceso á autorización para acometer as obras da Mariña en horario nocturno
A Coruña, 17 de outubro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG solicitou no día de hoxe, a través dun escrito dirixido á Alcaldía (achégase xunto á nota), o acceso á autorización municipal para que se poidan desenvolver as obras da Mariña en horario nocturno. A información desta autorización municipal debería estar no Sistema de Información Ambiental Municipal (páxina web de medio ambiente do Concello da Coruña http://www.coruna.es/infoambiental/) para coñecemento da veciñanza segundo a ordenanza municipal de contaminación acústica.
O BNG denunciou no día de onte que as obras nocturnas que se están a desenvolver na Mariña e que ocasionan un importan ruído incumpren a ordenanza municipal de ruídos. E é que os responsábeis das obras non lle comunicaron á veciñanza afectada a autorización municipal para o desenvolvemento destas obras en horario nocturno, nin as posíbeis condicións impostas para o seu desenvolvemento. E ademais, o Goberno Municipal non informou no Sistema de Información Ambiental Municipal á cidadanía desta autorización, de modo que non está a velar para que a información preceptiva lle chegue ás veciñas e veciños.