Malia as queixas de veciñ@s e comerciantes, o Sr. Negreira non prevé cambiar a liña 14 do bus
A Coruña, 16 de xaneiro de 2014.- A concelleira do BNG Avia Veira lamenta que o Goberno do Sr. Negreira non vaia modificar a liña 14 do bus urbano ao seu paso por Pepín Rivero, dadas as molestias que o novo percorrido da liña está a causar entre veciñanza e comerciantes desta rúa. Na resposta á pregunta escrita formulada polo BNG (achéganse pregunta e resposta), o Goberno municipal repróchalle á nacionalista a súa petición, a pesar de que tivo lugar despois de que visitara a zona en varias ocasións e de que se reunira con veciños e veciñas e responsábeis de estabelecementos comerciais. Avia Veira sinala que a resposta á pregunta demostra un absoluto descoñecemento da vida da rúa Pepín Rivero por parte do PP.
A concelleira do BNG critica, ademais, que o Goberno municipal non se molestara aínda en contestar as máis de trinta reclamacións de particulares que viven ou traballan en Pepín Rivero para cambiar o paso do bus 14. Só nesta rúa, indica, hai sete comercios, tres cafetarías e un supermercado e mais tres centros educativos (Uned, Escola de Idiomas e Conservatorio). No escrito, veciñanza e comercio advirten de que o cambio da ruta deste bus empeorou considerabelmente o tráfico, salientan que esta modificación en nada beneficia as persoas que vivimos ou temos comercios aquí e denuncian que lles causa graves problemas. Tamén aluden ás dificultades para a carga e descarga, á presenza constante da patrulla da policía local para multar os vehículos ou para chamar o guindastre e á presión sobre a clientela dos diferentes comercios, favorecendo a fuxida cara aos centros comercios en detrimento do comercio do barrio.
A concelleira do BNG pídelle ao Sr. Negreira que reconsidere este cambio ilóxico da liña do bus e emprázao a dialogar co comercio e coa veciñanza desta zona. Avia Veira lembra que o Goberno municipal acometeu a decisión de cambiar o trazado do 14 sen ter falado coas persoas afectadas e que só lle presentou a modificación á AVV Francisco Rodríguez Otero de Labañou como unha decisión unilateral.