O BNG acusa o PP de deixar os barrios no abandono
A Coruña, 16 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego pregúntanse en que actuacións nos barrios se gastaron os 105 millóns de euros dos que alardea o Goberno do Sr. Negreira cando o estado destes é, cada vez, peor. O Bloque acusa o Goberno municipal do PP de centralizar todo investimento público nunha zona concreta da cidade, O Parrote-A Mariña, á vez que crea unha periferia excluída e marxinada.
O BNG salienta que o PP elaborou os orzamentos municipais de 2014 de costas aos barrios, ao non contemplar medidas específicas para acometer as melloras primarias que padecen. Nesta liña, o Bloque lamenta que o PP rexeitara as reclamacións aos orzamentos derivadas dos contactos que mantiveron as nacionalistas coas distintas asociacións veciñais da Agra do Orzán; Os Castros; Bens; Os Rosales; Os Mallos; Visma; Novo Mesoiro, Mesoiro e Vío; O Castrillón; Monte Alto; O Birloque, O Martinete e Someso; Labañou; Eirís; O Ventorrillo, Cances, A Moura e Penamoa; Palavea; Feáns; Cidade Vella; San Vicenzo de Elviña ou de Nostián. O Bloque pídelle ao Goberno municipal que se reuna e dialogue coas entidades veciñais, que son as que coñecen, de primeira man, as necesidades básicas dos barrios.
O desleixo do Goberno do Sr. Negreira é tal que segue sen acometer necesidades tan básicas dos barrios como o arranxo da pavimentación do mercado de Monte Alto, que non pode ser empregada pola veciñanza polas pozas que se crean cando chove e que continúan días despois da choiva. O BNG insiste en pedirlle ao Goberno municipal que escoite este clamor da veciñanza de Monte Alto e amañe, amais do arranxo anunciado do ascensor, a praza do mercado.