Malia o que di o Goberno municipal, a base para a tarifa do bus en 2014 será de 1,31 euros
A Coruña, 10 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a base de negociación para a tarifa do autobús en 2014 non será, como di o Goberno municipal, a de 1,27 euros aprobada hoxe en Xunta de Goberno. A base será, tal e como pode comprobarse no acordo aprobado esta mañá polo Goberno do Sr. Negreira, 1,31 euros. É por iso que os nacionalistas acusan o Goberno municipal de mentir e de intentan enganar a cidadanía presumindo, falsamente, de que se aforrarán 12 millóns de euros.
Nesta liña, o Grupo Municipal do BNG denuncia contradicións entre a documentación aprobada en Xunta de Goberno Local e as declaracións de concelleiros do PP. Nos documentos da Compañía de Tranvías, advírtese de que "os próximos cálculos para a revisión tarifaria executaranse sobre a base da tarifa, sen descontos, por ser unha situación conxuntural e realizada polo concesionario sen obriga legal nin contratual en tal sentido". E a base da tarifa, sen descontos, é 1,31 euros (1,27 sería a base con descontos). Ademais, o documento asinado por Prada pon de manifesto que o acordo "ten un prazo de validez de un ano, deixando de ter efecto polo tanto o día 31.12.2013 en que se cobrará xa a tarifa sen desconto".
O BNG responsabiliza o Goberno municipal do encarecemento do bus e advirte que está na man do Sr. Negreira acabar con este saqueo
O Grupo Municipal do BNG responsabiliza o Sr. Negreira do encarecemento da suba do bus, un encarecemento que terá maior impacto nos colectivos máis desfavorecidos: universitarios (aos que lles sobe o bus 10%) e persoas con discapacidade, xubiladas, desempregadas e estudantado (aos que o bus lles sobe un 9,33%). Os nacionalistas advirten de que está na man do Goberno municipal acabar con esta inxusta situación. Así, o BNG insiste en reclamar a revisión da concesión da Compañía de Tranvías (en base ao artigo 7.1 do Regulamento do Servizo de Transporte Urbano da Coruña) e, nomeadamente, a fórmula para o cálculo da tarifa (en base ao artigo 12.3 do Convenio regulador da concesión).
A normativa, salienta o BNG, permite a revisión da concesión e da fórmula polinómica, de aí que os nacionalistas afirmen que sexa unha cuestión de vontade política. É posíbel e é necesario baixar as tarifas do autobús, conclúe o BNG.