O BNG apoia o manifesto d@s reitor@s

O BNG apoia o manifesto d@s reitor@s

A Coruña, 10 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG apoia as preocupacións e demandas dos e das reitoras das universidades públicas, que emitiron un manifesto conxunto en que denuncian os recortes que sofren as partidas relacionadas co ensino superior e a investigación no proxecto de lei de orzamentos do Estado. Os nacionalistas critican o tesoirazo dun 80% en investigación e dun 18% en ensino superior cando os gastos en Defensa só diminúen un 6%, comparación que demostra as prioridades do PP.

O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o Goberno central debería recoñecer a universidade como servizo público de docencia e de investigación, que garante a mobilidade social ascendente e a igualdade de oportunidades. Os nacionalistas salientan que o único criterio para medir a universidade como servizo público ten que ser a rendibilidade social e non a rendibilidade económica, dado que non é unha empresa privada con ánimo de lucro. Así, reivindican que apostar pola universidade pública non é un gasto, senón un investimento. Por último, o Grupo Municipal do BNG advirte de que en Galiza a universidade a única que terma da investigación e da ciencia, que son unha das melloras ferramentas para encarar os retos da crise económica.

 

O BNG apoia o manifesto d@s reitor@s