O BNG empraza o Goberno municipal a reconsiderar a obra da Gaiteira e a falar coa veciñanza

O BNG empraza o Goberno municipal a reconsiderar a obra da Gaiteira e a falar coa veciñanza

A Coruña, 10 de decembro de 2012.- As concelleiras do BNG María Xosé Bravo e Avia Veira visitaron esta mañá, acompañadas do presidente da A VV Oza-A Gaiteira-Os Castros, Paulo Sexto, e veciños e veciñas da zona, o barrio dos Castros, co fin de recoller as inquedanzas e preocupacións dos e das habitantes, comerciantes e hostaleiros da zona. En declaracións aos medios, a edila María Xosé Bravo amosou o rexeitamento do BNG á obra de reforma da Gaiteira, que durará 11 meses, que custará 956.000 euros e que deixará a rúa dividida. Trátase dunha actuación que critican, de xeito maioritario, os e as propietarios de negocios e a veciñanza da Gaiteira.

"Esixímoslle ao Goberno municipal que reconsidere o deseño e duración da obra e que sente falar coas persoas afectadas, porque esta rúa non aguanta levantada case un ano", sinalou Bravo. "As obras que precisa A Gaiteira teñen a ver coa renovación do pavimento e co mantemento do mobiliario urbano, e estas actuacións poden acometerse en catro ou cinco meses e non nun ano", expuxo. Ademais, a concelleira fixo alusión ao custo desproporcionado da obra: un millón de euros. Os propios veciños e veciñas propoñen que se reutilicen os materiais que se atopan en bo estado. "Non é de recibo gastar 8.000 euros por farol cando os farois están correctamente", engadiu.

Bravo pídelle ao Goberno do Sr. Negreira que negocie a reforma da Gaiteira cos veciños e veciñas, hostaleiros e hostaleiras e comerciantes afectados. "Un Goberno municipal ten a obriga de ser parte da solución e non de ser o problema", advertiu.

 

Bravo: "Son dignos sucesores de Fraga, que dicía: la calle es mía"

Nas declaracións, a concelleira do BNG referiuse á actitude antidemocrática do Goberno municipal ao retirar unha pancarta inofensiva da A VV Oza-A Gaiteira-Os Castros situada diante dun solar en estado de abandono na rúa que, simplemente, sinalaba "A rúa é da veciñanza. Non á mediana da Gaiteira". "Para retirar esta pancarta, o Sr. Negreira enviou unha brigada de policía e outra de bombeiros con espectáculo de luz e son", apuntou. Criticou Bravo que o PP trate de amordazar as asociacións veciñais que son críticas e que son a voz da cidadanía. "É unha actitude moi antidemocrática", salientou, "mais o PP non vai lograr facer unha sociedade de caladiños na Coruña". "Só as sociedades máis críticas, que reivindican os seus dereitos e que expresan o que queren ser, son as que teñen futuro", engadiu. "Son dignos sucesores de Fraga, que dicía: la calle es mía", denunciou.

Precisamente, o Goberno municipal aludiu á ordenanza de medio ambiente para retirar a pancarta cando o solar en que se estaba situada se atopa ateigado de ratas. Ademais, os nacionalistas advirten de que o propio PP incumpre esta normativa, xa que seguen colgados nas rúas da cidade cartaces electorais coa cara de

Feijóo.

Veira denuncia o abandono do barrio dos Castros

Pola súa banda, Avia Veira puxo de manifesto que o Goberno municipal ten abandonado Os Castros e deu conta das iniciativas presentadas polo BNG para mellorar o barrio, sempre consultando cos veciños e veciñas. Entre outras actuacións, Veira sinalou que os nacionalistas presentaron unha iniciativa de apoio a comerciantes, veciñanza e comunidade educativa para peonalizar a rúa Monte das Moas; o acondicionamento e axardinamento da rúa San Diego; a posta en funcionamento do alumeado do parque de Oza, cunha evidente falta de luz artificial, a limpeza e desratización da Cubela, a avda dos Caídos ou da Merced ou a redución da velocidade dos coches á altura do CEIP San Francisco Xabier.

"Os veciños e veciñas dos Castros tamén queren vivir nun barrio de primeira e lamentan que o Goberno municipal lles dea as costas mentres acomete as únicas actuacións no centro da cidade", afirmou Veira.

O BNG empraza o Goberno municipal a reconsiderar a obra da Gaiteira e a falar coa veciñanza