Máis unha vez, o desemprego cébase coas mulleres

Máis unha vez, o desemprego cébase coas mulleres

A Coruña, 5 de maio de 2015.- O BNG advirte de que os datos do paro feitos públicos hoxe pola Consellaría de Emprego volven poñer de manifesto que a crise ten faciana de muller. Así, as mulleres volven ser as máis castigadas polo desemprego: en abril un total de 9.973 homes inscribíronse nas listaxes do paro, mes en que se apuntaron un total de 11.468 mulleres. A pesar de que ao longo destes meses foi superior o desemprego nas mulleres que nos homes, o Goberno do Sr. Negreira optou por mirar cara outro lado e por non desenvolver ningún plan de emprego feminino.

Ademais, o BNG sinala que, malia descenderen as cifras do desemprego, non hai lugar a mensaxes optimistas, pois estes datos non recollen nin o impacto da emigración no Concello da Coruña nin recolle aquelas persoas que ben por teren rematada a prestación económica ou ben por desánimo deixaron de anotarse nas listaxes oficiais do paro. A este respecto, as nacionalistas sinalan que as cifras poderían ser máis baixas se o Sr. Negreira non optara por deixar sen executar máis de 600.000 euros dos 1.003.761,63 euros inicialmente orzados para os cursos de formación do emprego nin deixara sen gastar máis de 445.000 euros dos 937.944 euros orzados en materia de comercio.

Pola outra banda, o BNG alerta da situación actual dos chamados woorking poors ou traballadores empobrecidos. E é que posuír un traballo asalariado, sinala o Bloque, xa non é un medio capaz de protexer os e as traballadoras da pobreza, pois a meirande parte dos postos de traballo son de mala calidade e están mal remunerados.

En relación á creación de emprego, o Grupo Municipal do BNG volve poñer de manifesto que mentres as distintas Administracións non aposten por investir os cartos públicos nos sectores produtivos non se creará emprego de calidade.

 

Máis unha vez, o desemprego cébase coas mulleres