Jorquera leva ao Parlamento a posíbel conexión entre Repsol e as verteduras na ría
A Coruña, 13 de marzo de 2015- O portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, vén de rexistrar no Parlamento unha batería de iniciativas sobre a posíbel conexión entre o peche do pantalán número 4 das instalacións que Repsol posúe no porto interior e as verteduras de hidrocarburos que provocaron o peche da ría á actividade marisqueira desde a cala do Dexo e a punta de Alba.
A través dunha proposición non de lei para o debate en Pleno e en Comisión, Jorquera empraza a Xunta de Galiza a estudar a posíbel relación entre as razóns que motivaron o peche do pantalán número 4 das instalacións de Repsol no Porto da Coruña e a contaminación detectada e que informe publicamente sobre as conclusións. Tamén a insta a dar a coñecer de inmediato os resultados das investigacións realizadas para determinar as causas da anterior vertedura de hidrocarburos detectada no mes de febreiro precisamente cando se pechou o pantalán número 4 de Repsol- e a adoptar cantas medidas sexan necesarias para evitar novas verteduras por hidrocarburos na ría da Coruña, dado que nos últimos tempos están a ser moi frecuentes.
Ademais, Jorquera presentou unha serie de preguntas para coñecer se a Xunta de Galiza estudou medidas para que as persoas que se dedican ao marisqueo e á extracción de percebe e ourizo non sufran na súa actividade estas agresións ao medio ambiente e para saber se vai desenvolver algunha medida de axuda para compensar as perdas económicas motivadas polos peches cautelares por hidrocarburos. Tamén pregunta Jorquera para cando se prevé un plan de saneamento integral da ría do Burgo que contemple a eliminación de todo tipo de verteduras e o control das embarcacións que navegan pola ría da Coruña para impedir que poidan verter no mar (sentinazos).
Nas iniciativas, o portavoz parlamentar do BNG advirte de que a comezos de ano, a Autoridade Portuaria da Coruña comunicoulle a Repsol que se estaban a producir anomalías na infraestrutura de atraque do pantalán. Segundo a Autoridade Portuaria e Repsol, o peche do pantalán tivo lugar para solventar problemas de mantemento. Jorquera recolle nas inciativas que a multinacional asegura que toda a auga que se xera polo lastre dos petroleiros vai directamente á refinería. Porén, os mariscadores e mariscadoras demandan que se estude calquera conexión entre o peche do pantalán e a contaminación, salienta o nacionalista.
Carril solicitoulle á Autoridade Portuaria acceso á documentación das verteduras e puxo os feitos en coñecemento da Fiscalía
Precisamente, o peche do pantalán 4 de Repsol e a preocupación e a experiencia de traballadores do mar levaron o portavoz do Grupo Municipal do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril, a pedirlle á Autoridade Portuaria acceso ao expediente relativo ás verteduras e aos documentos relativos aos controis das instalacións de Repsol no porto interior, así como a poñer en coñecemento da Fiscalía os feitos, co fin de que actúe de oficio e investigue as verteduras, de maneira que determine se existe ou non responsabilidade penal.
Os traballadores do mar explicáronlle ao BNG que non é a primeira vez que se producen verteduras de hidrocarburos como os que están a afectarlle á costa da Coruña e que, anos atrás, estas verteduras adoitaban producirse cando os tanques de Repsol desbordaban.