Aprobada por unanimidade no Parlamento a proposición do BNG sobre Teleperformance
A Coruña, 6 de xuño de 2013.- A Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento de Galiza aprobou esta mañá, por unanimidade, a proposición non de lei do BNG contra a destrución de postos de traballo na empresa Iberphone SAU, co nome comercial de Teleperfomance A Coruña. Tal e como sinalou ao remate da Comisión, a deputada nacionalista Montse Prado a aprobación da iniciativa do BNG condiciona e compromete a Xunta de Galiza a garantir o mantemento dos 105 postos de traballo e a garantir os dereitos laborais das persoas que traballan nesta empresa. Estaremos vixiantes para que o Goberno galego cumpra o aprobado no Parlamento de Galiza, engadiu.
Así, a iniciativa do BNG, o Parlamento galego insta a Xunta de Galiza a realizar as actuaciós que estean na súa man para o mantemento dos 105 postos de traballo de Iberphone SAUTeleperformance na Coruña, a instar a empresa Iberphone SAU-Teleperformance a reconsiderar a súa decisión de reducir o seu equipo na Coruña e abrir vías de diálogo para garantir o emprego nestes momentos de especiais dificultades económicas e financieiras, a instar a Gas Natural Fenosa a manter en Galiza, e en concreto na cidade da Coruña, o servizo de atención ao cliente da comercializadora Unión Fenosa Comercial SL., agora trasladados a Gas Natural Servizos SDG SA e Gas Natural Comercializadora SA, e a realizar as accións para garantir os dereitos laborais das persoas que traballan en Iberphone SAU co nome comercial de Teleperformance A Coruña.
A parlamentar do BNG volve poñer de manifesto que coa venda de Unión Fenosa vemos como os nosos recursos naturais xeran beneficios e dividendos fóra de Galiza sen deixar beneficio ningún no noso país. E, para máis, presenciamos como se levan tamén os postos de traballo das empresas colaboradoras que foron creados en paralelo ao crecemento da antiga Unión Fenosa, engade Montse Prado, que fai un chamamento á necesidade de que Galiza teña capacidade de decisión e soberanía sobre os seus recursos e para poñer o país a producir, xerando riqueza e postos de traballo.