O BNG reclama presión sobre Gas Natural Fenosa para manter o emprego en Teleperformance
A Coruña, 11 de maio de 2013.- As concelleiras nacionalistas María Xosé Bravo e Avia Veira esíxenlle ao Goberno do Sr. Negreira que emprace a Xunta de Galiza a presionar a Gas Natural Fenosa para que manteña o servizo de atención ao cliente en Teleformance, máxime, cando a empresa enerxética está a explotar os nosos recursos naturais.
As traballadoras transmitíronlles ás nacionalistas que serán despedidas un total de 43 persoas e que, de marchar da Coruña a atención ao cliente, Galiza verase notabelmente afectada polas particularidades da estrutura do noso territorio, nomeadamente a dispersión poboacional.
A concelleira Avia Veira sinala que se trata de persoal con moitísima experiencia, con até 21 anos traballados neste servizo. Advirte, ademais, da especialización do persoal en materia de electricidade, unha especialización que se foi adaptando a diferentes sistemas de traballo logo da fusión da Unión Fenosa e Gas Natural. Sinala, así, que de desaparecer o servizo de atención ao cliente de Gas Natural Fenosa estaría desbotándose toda esta especialización.
O BNG esixe que o Goberno municipal reciba as traballadoras
Avia Veira denuncia que o Goberno municipal, malia ser coñecer dos inminentes despedimentos, aínda non se reuniu co Comité de Empresa. Urxiu o Sr. Negreira a acoller, de inmediato as traballadoras. Apunta, ademais, que o Concello da Coruña tamén ten poder de presión sobre Gas Natural Fenosa, ao contar con servizos contratados con esta empresa, mesmo dentro do proxecto Smart City. Avia Veira critica que o alcalde aínda non se preocupara por este conflito laboral, cando o paro experimentou, no último mes, unha suba de máis de 70 persoas.
Ademais, as concelleiras do BNG consideran que a Xunta de Galiza debería poñerse as pilas e debería mediar cunha empresa que está a espoliar os nosos recursos naturais para que manteña no noso país o seu servizo de atención ao cliente. Sinalan que Gas Natural Fenosa está a incumprir un dos seus compromisos de ser respectuosos cos territorios nos que se asenta.
Precisamente, as nacionalistas levaron ao Pleno ordinario de maio un rogo para que o Concello asuma como propias as reivindicacións das traballadoras e presentaron unha batería de iniciativas no Parlamento de Galiza para que o Goberno do Sr. Feijóo medie con Gas Natural Fenosa para garantir o mantemento do emprego e para que rectifique a súa decisión de eliminar a atención ao cliente que se realiza desde Galiza. Tamén pediu o BNG no Parlamento galego que se garantan os dereitos laborais das traballadoras.