O Grupo de Barrio do BNG de Monte Alto homenaxea a Moncho Valcarce
A Coruña, 29 de xaneiro de 2015- Máis un ano, o grupo de barrio do BNG de Monte Alto homenaxea a Moncho Valcarce, coñecido como o crego das Encrobas, este sábado ás 12h no cemiterio de Santo Amaro, nun acto que contará coa intervención da activista nacionalista Elvira Souto, que compartiu loitas co homenaxeado.
O grupo de barrio do BNG de Monte Alto salienta que Moncho Valcarce sempre tivo claro que o nacionalismo foi, é e será a única ferramenta útil para loitar pola liberación social, pois, a liberación nacional ten que vir acompañada pola liberación social e viceversa. Precisamente, o crego das Encrobas apostou, na súa patria, nomeadamente no rural, polas persoas humildes, polas pobres, polas que sofren, polas traballadoras, polas labregas, polas excluídas, polas ninguneadas polo poder, polo pobo... no que representa, sinala o grupo de barrio, unha aposta aínda viva, pois, o sistema actual sumado á chamada crise económica, non fai máis que afondar na desigualdade e a exclusión, de xeito singular nas mulleres, globalizar a pobreza nas maiorías sociais, eliminar os pobos e os seus sinais de identidade.
Moncho Valcarce, un dos imprescindíbeis
Nesta liña, os compañeiros e compañeiras do grupo de barrio do BNG de Monte Alto apuntan á necesidade de apostar pola soberanía. Indican que o nacionalismo segue a ter a mesma vixencia e segue a ser tan necesario como nos anos de Moncho Valcarce. Engaden que é necesario dotármonos de referentes e salientan que o cura das Encrobas é un deses imprescindíbeis.