O BNG pídelle a Negreira que lle dea solución aos edificios deshabitados de Palavea
A Coruña, 29 de xaneiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG volve exixirlle ao Goberno do Sr. Negreira a súa implicación coa veciñanza de Palavea na procura dunha solución aos edificios abandonados promovidos no seu día por unha construtora que xa non existe. Tal e como puxera de manifesto o Bloque nun comunicado de prensa emitido o pasado mes de setembro, é necesaria a actuación do Goberno local para evitar as condutas incívicas de persoas que acceden ao interior destes edificios.
As nacionalistas volven transmitirlle ao Sr. Negreira a preocupación da veciñanza pola súa seguridade e polas molestias de ruídos e desperfectos derivados da situación. Polo de agora, o único que fixo o Goberno local ao respecto foi responder unha pregunta escrita formulada polo BNG en novembro de 2013 na que se indicaba que fora imposíbel notificarlle á empresa propietaria a orde municipal de peche do inmoble (achéganse a pregunta e a resposta). Neste contexto, as nacionalistas préganlle ao Sr. Negreira que non se inhiba deste problema e que non se limite a enviar a policía local para precintar os portais con bandas plásticas.