O BNG empraza o alcalde a loitar contra o paro con feitos e non encomendándose a unha virxe

O BNG empraza o alcalde a loitar contra o paro con feitos e non encomendándose a unha virxe

A Coruña, 13 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG considera lamentábel a intervención do Sr. Negreira nos actos da Función do Voto, actos aos que as nacionalistas se negaron a asistir polo seu carácter relixioso. Para o BNG as palabras do alcalde pedíndolle á virxe “interceder por los que peor lo están pasando: los desempleados, los marginados, los enfermos...” son máis propias do franquismo que da época actual e representan un insulto para as persoas máis desfavorecidas por causa dos recortes do Partido Popular e para as máis de 24.000 persoas que se atopan no desemprego na nosa cidade.

As nacionalistas, que emprazan o alcalde a deixar de poñerse aos pés da Igrexa, ven patético que o único que faga o Sr. Negreira por combater o paro sexa tirar de ideoloxía rancia e retrógada e encomendarse a unha virxe. Así, as nacionalistas esíxenlle ao alcalde da Coruña que deixe de rezar e se poña a traballar para evitar os despedimentos na fábrica de armas, en Atento, en Darty, en Caramelo e en Teleperformance. Precisamente, neste último caso, o Sr. Negreira ten poder de abondo para presionar a Gas Natural Fenosa, que participa no proxecto Smart City, para que non leve da Coruña o servizo de atención ao cliente e non provoque a destrución de medio cento de postos de traballo.

O BNG esixe unha separación entre os poderes públicos e a Igrexa

Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG advirte de que a aconfesionalidade do Estado español ten que implicar a súa neutralidade. Por iso, sinala que os poderes públicos deben respectar as crenzas e as celebracións relixiosas do pobo, pero non poden participar nelas para garantir o principio de igualdade.

Así, as nacionalistas non conciben que os lexímitimos representantes do pobo vulneren a aconfesionalidade dos poderes públicos, que teñen que ser neutrais porque representan tanto persoas con crenzas relixiosas como persoas sen crenzas relixiosas. O Grupo Municipal do BNG, que respecta as crenzas de cadaquén, esíxelle ao Sr. Negreira, moi dado a acudir como alcalde a actos de carácter relixioso, garantir a legalidade e o principio de igualdade entre o pobo.

 

O BNG empraza o alcalde a loitar contra o paro con feitos e non encomendándose a unha virxe