O Goberno municipal seguirá a impedir o acceso ás auditorías de Nostián
A Coruña, 4 de febreiro de 2013.- Á vista da resposta do concelleiro de Medio Ambiente, o Goberno municipal seguirá impedíndolle ás concelleiras nacionalistas o acceso aos informes sobre as auditorías técnico-ambiental e económica da planta de tratamentos de Nostián. O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, preguntou esta mañá en pleno cales son os motivos polos que os membros da Corporación municipal aínda non poden acceder, nin se fan públicos, aos resultados destas auditorías. "Xa foron dúas as veces que o Goberno municipal nos impediu o acceso aos informes e na última resposta denegatoria, o Goberno municipal remitíase a un suposto informe do Servizo de Medio Ambiente de 11 de xaneiro de 2013 que non existe formalmente, xa que só existe de maneira informal", sinalou Carril. "Din que non podemos acceder ás auditorías porque son un antecedente para a resolución dun procedemento, cando o que nós reclamamos é o acceso ás auditorías, non ao que o Goberno decida resolver", explicou.
"Primeiro din que se farás públicas as auditorías, despois que son de uso interno e despois, que o acceso terá lugar cando conclúa o exame e validación e que se está a formular tecnicamente un plan de viabilidade, que é como dicir nada", apuntou. O nacionalista sinalou que o Grupo Municipal do BNG pretende ter coñecemento dos incumprimentos que hai por parte de Albada respecto do volume de tratamentos rexeitados, co fin de coñecer de que parte é responsábel a empresa e de que parte o é o Concello, sempre en función do contrato da concesión.
A continuación, Carril aludiu ao acordo da Xunta de Goberno Local de 8 de abril de 2011 (non contou co voto favorábel do BNG), que non se axusta ao contrato de concesión. Sinalou ao respecto que o Concello "non ten porqué asumir uns custos que lle corresponden á concesionaria". "O acordo debería ser anulado e deixado sen efecto", salientou. Porén, advertiu de que $non era nin o momento nin o procedemento oportunos para revisar e suspender tal acordo, o prudente sería esperar polo resultado das auditorías", expuxo.
"Sería mellor declarar lesivo o acordo e que fose o Xulgado quen o confirmase. Non o fixeron e o Consello Consultivo informou desfavorabelmente a revisión de oficio deste acordo e apuntou á necesidade dunha auditoría que puxese de manifesto os incumprimentos de Albada", indicou. O máis grave, engadiu Carril, é que unha vez rexeitada a revisión de oficio pode abrirse a vía da responsabilidade patrimonial do Concello polo acordo de 16 de decembro de suspensión cautelar do pago a Albada do 5% de gastos xerais e do 5% do beneficio industrial, ademais de ter que aboar os importes que a empresa deixou de percibir.
O Goberno municipal elude dicir se ten pensado declarar lesivo o acordo da XGL de 8 de abril de 2008 e non informa sobre que está a negociar con Albada
Carril formulou dúas preguntas que quedaron no aire. Así, o Goberno municipal evitou revelar se tiña pensado declarar lesivo o acordo da Xunta de Goberno Local de 8 de abril de 2011 e tampouco explicou que é o que está a negociar con Albada para non dar a coñecer o informe das auditorías. O portavoz nacionalista insistiu en que o Concello aínda está a tempo de solicitar a declaración de lesividade deste acordo en base ao art.103 da Lei 30/1992, mais antes, advertiu, é necesario que se fagan públicos os resultados das auditorías.
O portavoz nacionalista denunciou, ao longo da súa intervención, que o BNG só ten coñecemento da situación a través do Comité de Empresa de Albada, quen alertou da saturación da planta e do tratamento incorrecto e inseguro dos lixiviados. Lembrou Carril que o 12 de xullo de 2011 lle solicitara ao alcalde ir visitar a planta e que desde entón o BNG segue a esperar pola resposta.
Sen noticias do Plan de emprego prometido polo Sr. Negreira
Outra das preguntas orais formuladas no pleno desta mañá tivo a ver co Plan de emprego prometido polo Sr. Negreira durante a campaña das eleccións municipais. Sen noticias del. A concelleira de Emprego e Turismo nin sequera mencionou o plan e non ofreceu ningunha medida concreta para a promoción do emprego desde o Concello da Coruña.
A edila nacionalista Avia Veira advertiu, na súa intervención de que, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA), cada día entre outubro e decembro, 41 coruñesas e coruñeses foron ao paro. "Malia isto, vostedes optan por presumir de que é A Coruña é a cidade coa taxa de paro máis baixa", apuntou. "Díganlles algo a esas persoas que non teñen cartos para manter a súa casa, nin darlles de comer os seus fillos ou as súas fillas. Díganlles algo a esas familias que se teñen que reagrupar e acabar vivindo da pensión dos avós. Díganlles que vaian a esa emerxencia social á que están avocando á xente", exclamou Veira, quen citou os casos dunha muller e dun home afectados pola sangría do paro.
A concelleira do BNG, que lles pediu aos concelleiros e concelleiras do PP que se puxesen no lugar das persoas sen emprego, preguntou "que hai diso de que era o emprego a súa prioridade fundamental do seu goberno cando tomase posesión?, que hai do Plan de medidas urxentes? Que hai da creación da Axencia Coruña 15 polo emprego". "Abstéñanse do aburrido e recorrentísimo argumento do bipartito, da herdanza recibida ou de que no orzamento de non-sei-cando levan orzamentados non-sei-cantos millóns", sinalou. "Queremos realismo, feitos e resultados, porque ante o drama do paro todo o que teñen que ofrecer son bicos ou abrazos", concluíu.
O Goberno municipal non especifica con quen está a consensuar a ordenanza de terrazas
Ademais, Avia Veira preguntou pola ordenanza municipal de terrazas, que o alcalde prometera aprobar definitivamente en outono. "Nestes momentos non está aprobada nin inicialmente", advertiu Veira, quen preguntou, sen obter resposta, con que entidades está a consensuar a ordenanza. "Agardemos que se aplique a nova ordenanza, que sexa beneficiosa para o sector e que se faga un seguimento e inspección continua. E non como a actual, que é constantemente vulnerada e sitúa tanto a hostelaría como a veciñanza nunha inseguridade xurídica constante", sinalou a concelleira do BNG, quen aludiu aos apartados da instalación de terrazas que contempla o PEPRI.
Tamén se referiu a concelleira do BNG á inseguridade xurídica que viven as hosteleiros e os hosteleiros, tamén a veciñanza da cidade, coa ordenanza municipal medio ambiental, unha norma obsoleta que regula a emisión e recepción de ruídos e vibracións do exercicio de actividades sometidas a licenza. "Para cando, Sr. Negreira? En agosto de 2011 xa anunciaron a súa reforma e o sector aínda está a agardar", advertiu. Avia Veira apostou por modificar esta norma, pois a prohibición legal da música ambiental na cidade non se corresponde en absoluto coa realidade. "Todas as cafeterías e bares teñen, practicamente por necesidade, música ambiental. De feito, pagan os dereitos para poder poñela", subliñou. "A situación é tan surrealista que a ordenanza vixente de terrazas permite que nestes espazos haxa música ambiental mais dentro do local non", engadiu. A concelleira do BNG puxo de manifesto que de regular esta ordenanza protexeríase a cidadanía "porque así quen teña a música está obrigado a non sobrepasar un límite de decibelios, garantindo así o descanso da xente". "Para as hostaleiras e os hostaleiros esta mudanza sería beneficiosa porque así saberán a que aterse e non sufrirán a lotaría de se vén ou non vén a Policía Local a multarme ou nunca vai á cafetaría do lado", expuxo.
Por último, Avia Veira solicitou que se dialogue de inmediato con todo o sector hostaleiro e coa veciñanza. "Póñanse mans á obra e deixen de anunciar que van facer o seu traballo na prensa en prazos que logo non se cumpren", concluíu.