O Goberno municipal recortou, na metade, os cartos para obras nos CEIP da Coruña
A Coruña, 30 de xuño de 2013.- A concelleira María Xosé Bravo denuncia o escaso financiamento para obras en centros públicos de Educación Infantil e Primaria do Goberno do Sr. Negreira. Tal e como reflicten os indicadores da memoria de xestión na área de Educación, o gasto por alumno en obras de centros de ensino no 2010, o último ano xestionado completamente polo anterior Goberno, foi de 194,78 euros e o gasto no 2012 recortouse xusto á metade, 87,43 euros.
María Xosé Bravo critica que para o Goberno do Sr. Negreira as obras de mantemento e reparación das escolas sexan unha cuestión menor. Pon como exemplo a nefasta xestión do Goberno municipal co CEIP de Prácticas, de Riazor, que, en setembro de 2012, presentaba graves desperfectos, con grandes fendas que provocaron a preocupación das familias. Porén, a edila do BNG advirte de que o Goberno do Sr. Negreira só reaccionou no momento en que se sentiu presionado pola comunidade educativa, xa que tiña coñecemento destas grandes eivas ao remate do curso escolar 2011-2012 e non fixo nada até que os medios de comunicación se fixeron eco das queixas das familias.
A concelleira do BNG lémbralle ao Goberno do Sr. Negreira que o mantemento e reparación dos CEIP son competencia do Concello e esíxelle que garanta a seguridade e benestar do estudantado e dos traballadores e traballadoras que traballan nos centros de ensino.