O BNG denuncia a ocultación de datos sobre a reforma da Gaiteira

O BNG denuncia a ocultación de datos sobre a reforma da Gaiteira

María Xosé Bravo e Avia Veira nunha visita aos CastrosA Coruña, 1 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG faise eco nunha pregunta para a resposta escrita do malestar da veciñanza da Gaiteira, canalizado a través da A VV Oza-A Gaiteira-Os Castros, sobre a falta de información en relación ás obras de reforma da Gaiteira. Na iniciativa, a concelleira María Xosé Bravo pon de manifesto as denuncias de comerciantes e hosteleiros da rúa dada a falta de diálogo por parte do Goberno municipal e dada a ocultación de información. Esta opacidade do Goberno do Sr. Negreira sobre as obras da Gaiteira provoca que non se lles estea a responder aos numerosos escritos presentados por Rexistro pola entidade veciñal.

Ademais, a edila do BNG alude ás eivas denunciadas pola asociación de veciños e veciñas, que advertiu de que non se está a instalar mallado no solado e de que os rexistros non están a ser instalados nos lugares que recollía, inicialmente, o proxecto. De aí que a concelleira nacionalista queira saber se o Concello está a facer algún tipo de seguimento da obra.

Pola outra banda, María Xosé Bravo tamén cuestiona o Goberno municipal polo mobiliario urbano, en perfectas condicións, que está a ser desbotado e inutilizado polo Goberno municipal, caso dos farois, que mesmo acabaron no chan cos cristais esnaquizados.

A data de remate da obra é outra das interpelacións que lle fai a edila do BNG ao Goberno municipal, xa que, tal e como teñen advertido as nacionalistas, a longa duración desta reforma, anunciada, nun primeiro momento, para dentro de un ano, provoca graves prexuízos no sector hostaleiro e comercial desta rúa estreita.

 

O BNG denuncia a ocultación de datos sobre a reforma da Gaiteira