O BNG organiza o BNGai e apela a garantir os dereitos das persoas LGBT
A Coruña, 28 de xuño de 2013.- O BNG da comarca da Coruña apela a garantir os dereitos das persoas lesbianas, gais, bisexuais e transexuais (LGBT). Precisamente, o BNG de Cambre organizan a segunda edición do BNGai, un acto aberto ao público que terá lugar mañá, sábado, ás 20h, no Paraugas do Temple e que contará coas intervencións de Lois Diéguez, escritor e militante histórico do nacionalismo, de Goretti Sanmartín, da Executiva Nacional do BNG, e de Xurxo Martínez, especialista en Latinoamérica. Ademais, terá lugar a actuación de Nelson Quinteiro, que presentará o seu último traballo cabareteiro.
Ademais, as nacionalistas veñen de rexistrar no Parlamento de Galiza unha proposición non de lei na que instan a derrubar os obstáculos que están a impedir a plena realización dos dereitos das persoas con diferente orientación sexual centrando os esforzos en tres aspectos fundamentais: educativo, medios de comunicación e ámbito da saúde.
O BNG, que critica as medidas regresivas do PP, coa complicidade de asociacións antiabortistas e da Igrexa Católica, apela á necesidade de eliminar os prexuízos que conducen a discriminación e violencia.