O Goberno municipal pide un empréstito para reparar o tranvía turístico malia saber que é deficitari
A Coruña, 17 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira destine 275.000 euros do empréstito de 11,45 millóns que aprobou na Xunta de Goberno Local de onte para a reparación do tranvía turístico, malia saber que é un servizo deficitario para o Concello. Nesta liña, as nacionalistas non comparten que o Sr. Negreira endebede a cidadanía mentres perpetúa un servizo que dá perdas e, á vez, siga enriquecendo a Compañía de Tranvías, que obtén, tamén por este concepto, cuantiosos beneficios das subvencións municipais.
Sen cuestionar en ningún momento a suspensión no seu día do servizo de tranvía turístico por motivos de seguridade, o Grupo Municipal do BNG sempre foi partidario de aproveitar a suspensión deste servizo para redefinir e modernizar os tranvías de superficie como medio alternativo de transporte para turistas e para a veciñanza.
O Grupo Municipal do BNG lembra que o proxecto de reparación dos camiños de ferro do tranvía turístico no tramo Torre-As Escravas foi aprobado en XGL o 16 de novembro de 2012 e sinalan que o seu orzamento de execución ascende a 499.831,77 euros (IVE incluído). As nacionalistas xa criticaran no seu día que o Goberno municipal lle encargase a elaboración do proxecto de reparación a unha empresa a través de contratación externa, alegando que non dispoñía de medios técnicos e persoas axeitados na Concellaría. E isto, tendo en conta que no propio Concello da Coruña hai persoal cualificado para tales fins, como evidencia o propio informe-proposta que foi á citada XGL, que indica literalmente que ese proxecto é "supervisado... por el ingeniero de Caminos, Canales y Puentes municipal con el conforme del jefe de Departamento de Proyectos y Obras".