O BNG volve solicitar acceso á documentación do autobús pola que o Goberno municipal foi condenado
A Coruña, 18 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG volveu solicitar acceso aos expedientes de solicitude de subvención ao transporte colectivo urbano para o ano 2011 e para o ano 2012, documentación que contén información sobre a situación da Compañía de Tranvías como as contas da empresa e os resultados de explotación. As nacionalistas lembran que as subvención que o Concello da Coruña lle outorga á Compañía de Tranvías, permiten solicitar, posteriormente, subvención ao Estado.
Precisamente, a denegación reiterada por parte do Goberno do Sr. Negreira do acceso ao expediente de solicitude de subvención para o 2011, "por conter datos persoais ou sensíbeis que deben ser obxecto de especial protección", levou as nacionalistas a acudiren aos tribunais, que fallaron en defensa dos dereitos fundamentais das concelleiras do BNG. O pasado xoves, o portavoz do BNG, Xosé Manuel Carril, daba a coñecer a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), de 21 de febreiro de 2013, que confirma a sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo nº1 da Coruña, de 20 de setembro de 2012, que condena o Goberno municipal por vulnerar os dereitos fundamentais de participación política e de participación en asuntos públicos das edís.
Tras estas dúas sentenzas contundentes, o Grupo Municipal do BNG espera que o Goberno do Sr. Negreira lle permita, por fin, ás súas concelleiras o acceso a esta documentación sobre a Compañía de Tranvías. As nacionalistas esperan, así, que o Goberno municipal non se poña, de novo, do lado da Compañía de Tranvías, impedindo acceder aos expedientes municipais que conteñen información sobre a situación económica da empresa.