O Goberno municipal persiste en externalizar a asesoría xurídica a EMVSA

O Goberno municipal persiste en externalizar a asesoría xurídica a EMVSA

A Coruña, 17 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG critica que o Goberno municipal persista en manter a externalización da asesoría xurídica a EMVSA, ampliando o prazo de duración da encomenda, tal e como se aprobou onte en Xunta de Goberno Local. Os nacionalistas poñen de manifesto que o Goberno do Sr. Negreira deu o visto e prace a esta ampliación desatendendo as indicacións do interventor do Concello que, nesta sentido, indicaba que un dos requirimentos básicos para proceder a esta modificación de encomenda de xestión era a necesidade de que o servizo xurídico do Concello emitise o correspondente informe.

O propio interventor di que se “omite o informe di servizo xurídico”, razón pola que condiciona a súa fiscalización, literalmente, a que “se incorpore informe do servizo xurídico que valide desde o punto de vista xurídico a modificación proposta”. E non só isto, senón que no caso de non haber este informe xurídico, formula “reparo suspensivo que poderá ser resolto, de forma indelegábel e previa resolución, da discrepancia polo alcalde”, que debeu de ser o que fixo o alcalde na Xunta de Goberno de onte.

 

Informes á carta para executar a política urbanística do PP

A decisión de ampliar a encomenda de xestión coa que se externaliza a asesoría xurídica de urbanismo a EMVSA responde á necesidade do Goberno municipal de contar con informes á carta co fin de executar a política urbanística que defende o PP. Ademais, o Goberno do Sr. Negreira evidencia que non se fía do persoal municipal do servizo de Urbanismo.

Os nacionalistas apelan ao artigo 15 da Lei 30/1992, que determina que “a realización de actividades de carácter material, técnico ou de servizos da competencia dos órganos administrativos ou das Entidades de dereito público poderá ser encomendada a outros órganos ou Entidades da mesma ou de distinta Administración, por razóns de eficacia ou cando non se posúan os medios técnicos idóneos para o seu desempeño”. E é evidente que o Servizo de Urbanismo do Concello da Coruña conta con medios técnicos suficientes para a realización de tales traballos, non só os propios do Concello, senón os xerais da Asesoría Xurídica do Concello.

O Goberno municipal persiste en externalizar a asesoría xurídica a EMVSA