O Goberno municipal paga un ditame sobre o Conde de Fenosa para aforrarlle cartos a Martinsa Fadesa
A Coruña, 30 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno municipal vén de pagar un ditame pericial externo en relación coas obras a executar no edificio Conde de Fenosa para lle dar cumprimento á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), de 20 de decembro de 2001, tal expón a factura á que tiveron acceso ás nacionalistas. Trátase dun informe elaborado polo arquitecto Javier Estévez Cimadevila que lle valeu aos coruñeses e coruñesas 14.916 máis o 20% de IVE; é dicir, 18.048,36 euros. O Grupo Municipal do BNG amosa o rexeitamento máis absoluto a que o Goberno do Sr. Negreira malgaste diñeiro público para lle aforrar cartos a Martinsa Fadesa.
Non é a primeira vez que as nacionalistas denuncian semellante práctica, pois en setembro de 2012 deron a coñecer dúas facturas que correspondían con pago de traballos externos sobre o edificio Conde de Fenosa. Nesta ocasión, o ditame sobre a imposibilidade de execución da sentenza do TSXG, de 20 de decembro de 2001, custoulle á cidadanía un total de 20.650 euros, e o ditame sobre a viabilidade técnica da demolición das obras de rehabilitación realizadas no Conde de Fenosa valeu 18.179,50 euros. Este último informe fóralle encargado ao Sr. Carlos Trabazo Molins, que desempeñou importantes cargos directivos en Martinsa Madesa.
Só estes tres estudos que o Goberno municipal contratou de xeito externo, malia ter o Concello asesoría xurídica e oficina técnica, custáronlles ás arcas municipais un total de 56.877,86 euros.
O Goberno do Sr. Negreira non lle esixe a Martinsa-Fadesa que asuma as súas responsabilidades para executar a sentenza
O Goberno do Sr. Negreira segue a facer oídos xordos das peticións realizadas polo Grupo Municipal do BNG e segue sen esixirlle a Martinsa-Fadesa que asuma as súas responsabilidades para executar a sentenza. As nacionalistas poñen de manifesto que o Goberno do Sr. Negreira non debe suplir a Martinsa-Fadesa pagando por conta da cidadanía facturas que non lle son propias.
As nacionalistas pídenlle ao Goberno municipal explicacións para coñecer os motivos que levaron o Sr. Negreira a autorizar o pagamento destas facturas que tería que aboar Martinsa-Fadesa e non o Concello da Coruña.