O Goberno municipal non lles deu ningunha solución ás persoas desaloxadas do Ofimático
A Coruña, 10 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o Goberno do Sr. Negreira aínda non lles deu unha solución ás persoas desaloxadas do Ofimático, ao contrario do afirmado polo Goberno municipal. Lonxe de buscarlle unha solución á problemática de vivenda destas persoas, o Goberno do Sr. Negreira actúa polas bravas con este colectivo. De feito, tal e como anunciou o BNG, o Goberno municipal asinou un decreto en que solicita a orde de desaloxamento destas persoas.
Segundo lle transmitiron as persoas afectadas á concelleira Avia Veira, nun primeiro momento, desde o Concello da Coruña ofrecéuselles ás desaloxadas tres opcións até que se rematase a urbanización: a permuta dos terreos por vivendas de promoción libre de propiedade municipal ou por vivendas de protección oficial ou ben o aluguer social, sempre e cando as persoas cumprisen os requirimentos. Tras este ofrecemento, as desaloxadas dirixíronse por escrito ao Goberno municipal para coñecer como se concretaban estas opcións. A resposta que recibiron, sinala Veira, foi que non hai cartos para pagar o IVE das permutas. Logo de quedar desbotada esta solución, só lles quedaba a opción do aluguer social, sempre e cando as persoas cumprisen cos criterios para acceder a esta axuda.
A concelleira nacionalista Avia Veira acusa o Goberno municipal de mentir, xa que non existe acordo ningún coas persoas afectadas, ao contrario do afirmado polo Goberno do Sr. Negreira. De feito, advirte de que tan só unha persoa do colectivo de afectados aceptou a opción do aluguer social.
A edila do BNG critica que o Goberno municipal enganara as persoas desaloxadas con propostas irrealizábeis e que proceda contra estas con dureza, até o punto de solicitar a autorización do desaloxo. E isto, denuncia Avia Veira, á vez que o Goberno municipal fai a vista gordo e renuncia a actuar pola vía do apremio contra a Xunta de Galiza e contra os promotores, que seguen sen pagar as cotas que impiden executar as obras de urbanización.