Pasotismo do Goberno municipal ante os despidos en Atento e ante a situación na fábrica de armas
A Coruña, 10 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG volve amosar o seu apoio e solidariedade tanto ás traballadoras de Atento, como da fábrica de armas e considera un escándalo o pasotismo do Sr. Negreira ante estes despedimentos. Esta mesma mañá, vense de saber que Atento despedirá 30 persoas máis, que se suman aos 112 despedimentos que se coñecían no día de onte. As nacionalistas consideran un escándalo que ante esta semana ateigada de noticias nefastas para o emprego na cidade da Coruña (cos despidos de Atento, de Darty e os posíbeis despedimentos da fábrica de armas), o Goberno municipal permaneza pasivo, sen reaccionar ante este gravísimo problema.
O Grupo Municipal do BNG lémbralle o Sr. Negreira que o seu partido goberna en todas as administracións e que non pode ficar de brazos cruzados ante o esmorecemento de centos de postos de traballo na Coruña, que vai camiño de se converter nunha fábrica de parados e paradas. Así, as nacionalistas chaman o alcalde a defender, con unllas e dentes, os intereses da clase traballadora e non da patronal. Sinalan que o Goberno municipal pode rescindir todos os contratos que ten con Telefónica, causante do conflito laboral en Atento, empresa que á día de hoxe ten o contrato da telefonía móbil do Concello.
A concelleira nacionalista Avia Veira transmitiulle nas concentracións que tiveron lugar no día de onte e no día de hoxe o apoio do Grupo Municipal do BNG ás traballadoras de Atento.
Fábrica de armas: O Sr. Negreira desaparecido, o Sr. Feijóo non se inmuta e o Sr. Rajoy solucionou os casos de Palencia e Murcia e coa Coruña mira cara outro lado
A falta de liderado do Goberno municipal na loita contra a destrución do emprego evidénciase, tamén, no conflito laboral da fábrica de armas. As nacionalistas insisten en que as declaracións de intencións non valen e esíxenlle ao Sr. Negreira que emprace os seus compañeiros de partido a impulsar desde a Xunta de Galiza un plan industrial no eido civil para garantir os postos de traballado dos empregados da fábrica. Existe I+D+I e formación na empresa, ademais de tecnoloxía punta para diversificar a produción cara o eido civil, o que non existe, advirte o BNG, é a vontade política para solucionar o problema.
Ademais, o Grupo Municipal do BNG carga contra o presidente da Xunta, completamente ausente das negociacións, e contra o presidente do Goberno, quen se encargou de solucionar o conflito laboral con General Dynamics en Murcia e en Palencia, namentres deixou A Coruña abandonada á súa sorte. Lembra o BNG que os Ministerios de Defensa e Industria poden presionar a multinacional, como principais acredores e financiadores de General Dynamics.