O Goberno municipal destinou 2,7 millóns dos 10,2 millóns do modificativo foron destinados ao bus
A Coruña, 9 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o saqueo que supón a concesión do autobús urbano é de tal dimensión que 2.7 millóns dos 10,2 millóns do modificativo de crédito aprobado polo PP en xullo foron destinados á Compañía de Tranvías. Os 2,7 millóns corresponden a facturas derivadas das subvención municipal á Compañía de Tranvías, unhas facturas, apuntan as nacionalistas, que pertencen á etapa do actual Goberno municipal do Sr. Negreira, concretamente, aos meses de outubro a decembro de 2012.
Máis alá de evidenciar unha nula previsión orzamentaria por parte do Goberno do Sr. Negreira, o pagamento de 2,7 millóns á Compañía de Tranvías representa unha evidencia máis de que a concesión, que o Goberno municipal se nega a revisar, esta empresa seguirá a desangrar o Concello e a cidadanía. As nacionalistas insisten na necesaria revisión da concesión para acabar con este gasto excesivo que lle supón substanciosos beneficios á Compañía de Tranvías.
O Grupo Municipal do BNG volve advertir de que se o Sr. Negreira teima en non revisar a concesión tanto as persoas usuarias como a cidadanía en xeral volverá soportar no 2014 o incremento tanto das subvencións municipais como do encarecemento das tarifas. E é que a fórmula para o cálculo da tarifa ten en conta o incremento destas cinco variábeis: custo salarial, custo dos combustíbeis, amortecemento de vehículos, IPC e beneficio industrial e non ten en conta nin as subvencións outorgadas polo Concello da Coruña á Compañía de Tranvías (8,04 millóns no 2012) nin a estrutura de gastos de explotación da empresa (4,66 millóns no 2012). Deste xeito, o aumento dos prezos é, cada ano, automático.