Por que o Goberno municipal busca a absorción de Emvsa por parte de Emalcsa?
A Coruña, 20 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG empraza o Goberno do Sr. Negreira a explicar os motivos polos que se prevé un proceso de fusión por absorción de Emvsa, Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades, por parte de Emalcsa, Empresa Municipal de Augas da Coruña, tal e como revelan o informe de xestión de Emvsa e o de Emalcsa.
Segundo a memoria de xestión de Emvsa, prevese un posíbel proceso de restruturación da Sociedade derivado das condicións de mercado actuais. Nas contas anuais de Emvsa advírtese de que a situación económica actual e as dificultades de acceso ao financiamento están a xerar incerteza. De aí que se sinale que a Dirección de Emvsa estea a considerar a posibilidade dunha operación de reestruturación empresarial, unha operación que pasaría pola citada absorción. Absorción que tamén sinala a memoria de xestión de Emalcsa que recolle que se prepara un proxecto de fusión por absorción impropia de Emvsa por parte de Emalcsa.
O Grupo Municipal BNG lembra que, a día de hoxe, Emvsa leva as encomendas de xestión do servizo de aluguer de Bicicoruña e da realización da revisión do PEPRI. Ademais, continúa as xestións para poder levar a cabo a construción do Hospital Materno Infantil e a construción e explotación do polideportivo do Castrillón. Tamén está desenvolver a construción do aparcadoiro da praza das Conchiñas. No informe de xestión de Emvsa advírtese de que para os aparcadoiros das Conchiñas e do Materno necesitarase financiamento adicional.