O BNG rexeita "A Coruña toupeira" da "toupa Negreira" que deixará a cidade con macro túneles
A Coruña, 20 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG non comparte o proxecto de macro túnel da Mariña, avanzado onte polo alcalde da Coruña e polo presidente da Autoridade que, cada vez que se xuntan, fan crecer o seu furor escavador. Segundo sinalou o Sr. Negreira, que sería a toupa dunha Coruña toupeira que as nacionalistas rexeitan, o viario subterráneo transcorrería desde as instalacións da Solana até o edificio do Kiosco Alfonso. A este tramo sumaríaselle outro até Linares Rivas, para facer alí un gran intercambiador.
O Grupo Municipal do BNG advirte de non está garantido o financiamento desta obra faraónica. Opóñense as nacionalistas a que sexa o Concello da Coruña quen asuma un gasto que lles correspondería a outras Administracións, sinaladamente a Autoridade Portuaria, que ademais de ter substanciosos beneficios recibe agasallos por parte do Goberno municipal. Nesta liña, o BNG critica a previsión de gastos aprobada, con motivo do modificativo de crédito, na Xunta do Goberno Local do 30 de maio, unha previsión de 14.593.387,62 millóns de euros (6 millóns no 2014 e 8.593.387,62 no 2015) para custear o Concello esta obra.
Pola outra banda, as nacionalistas rexeitan as declaracións do Sr. Negreira nas que afirmou que a obra despeja de coches una zona emblemática. E é que o túnel podería ter un efecto chamada a máis vehículos. Así se advirte na memoria do PEPRI, na súa páxina 31, cando alude ás propostas de reordenación do tráfico. Neste punto, o equipo redactor pon de manifesto que cómpre garantir que a implantación do novo vial soterrado non se converta nun efecto chamada ao tráfico. Cabe entender que a accesibilidade ao ámbito está suficientemente garantida nas condicións actuais; e o obxectivo global do Plan Especial, respecto da ordenación do tráfico, é a redución do número de vehículos que acceden á cidade. Polo tanto debe entenderse que a implantación do novo vial soterrado non é a resposta para a resolución dun problema de conxestión viaria, inexistente no ámbito, senón que debe responder basicamente á recuperación da calidade urbana no espazo público de superficie.
Así, o BNG lembra que para solucionar os problemas de conxestión de tráfico na Coruña hai que priorizar o transporte público colectivo, sobre todo, os medios alternativos, e reducir o número de vehículos que entran e saen, cada día da cidade.