As obras do aparcadoiro das Conchiñas deixan a praza inutilizada por 2 anos

As obras do aparcadoiro das Conchiñas deixan a praza inutilizada por 2 anos

A Coruña, 20 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG, a través da súa concelleira Ermitas Valencia, faise eco do malestar da veciñanza da Agra do Orzán polas obras do aparcadoiro das Conchiñas, que deixan a praza inutilizada durante dous anos. Advirte a nacionalista de que esta é unha das escasas zonas verdes das que dispuña, até o de agora, as persoas que viven neste barrio, que é o máis densamente poboado da Coruña e “nin sequera o Goberno Municipal se dignou en procurar unha alternativa”.

Ermitas Valencia critica que a veciñanza aínda non coñeceza o proxecto de superficie do aparcadoiro, no que respecta ao pavimento, mobiliario, xardinaría... Considera que o Goberno municipal debería dialogar coas veciñas da Agra, na medida en que a praza das Conchiñas era un dos espazos máis empregados polos habitantes do barrio como zona de lecer. A nacionalista considera que polas obras dun aparcadoiro, que custará 2,2 millóns de euros, non pode privarse as persoas do uso da practicamente única zona verde da Agra do Orzán.

A nacionalista insiste en que deste aparcadoiro só van beneficiarse as persoas con máis recursos e advirte que non vai resolver o problema de estacionamento que sofre a zona. Trátase, só, de 114 prazas en rotación e 71 en réxime de concesión a 50 anos, que non cobren, nin de lonxe, as prazas anuladas en superficie por mor das obras que se fixeron nas rúas próximas á praza.

 

 

As obras do aparcadoiro das Conchiñas deixan a praza inutilizada por 2 anos