O Goberno local só é quen de executar o 65% dos cartos do talón restaurante
A Coruña, 2 de xaneiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG critica que o Goberno do Sr. Negreira só sexa capaz de executar o 65% dos investimentos da partida relativa ao programa do talón restaurante, tal e como recoñece o informe que acompaña a documentación relativa ao expediente aprobado na última Xunta de Goberno Local. Este informe admite que de xaneiro a outubro de 2014 tan só se executaron 293.784,48 do orzamento anual. Así, se en nove meses se gastaron 293.784,48 significa que dos 600.000 euros inicialmente orzados para 2014 o Goberno do Sr. Negreira deixará sen gastar un total de 208.288, cantidade que representa o 35% do total.
As nacionalistas ven a causa da incapacidade do Goberno do Sr. Negreira para executar o orzamento inicial na maquillaxe das contas municipais. De feito, o Goberno do Sr. Negreira viuse na obriga de diminuír en 80.000 euros a partida do talón restaurante no derradeiro modificativo de crédito do ano, aprobado de maneira definitiva só cos votos do PP na sesión plenaria de novembro. A teima do Partido Popular por inflar determinadas partidas orzamentarias por pura propaganda, para alardear de orzamentos sociais, ratifícase nas contas de 2015, onde mantén os 600.000 para este programa malia que non dá executado os cartos e, á vez, rexeita a emenda do Bloque para aumentar a 850.000 os cartos destinados á emerxencia social.
O Bloque tamén ve a causa da falta de execución da partida relativa ao programa do talón restaurante nas dificultades que atravesan as persoas maiores, que contan a día de hoxe con menos recursos que hai tres anos. A este respecto o BNG lembra que non soben as pensións, que as persoas maiores teñen que pagar os medicamentos e o Servizo de Axuda a Domicilio e que, en moitos casos, son o sontén da familia, dado o desemprego e os postos de traballos precarios que non dan para chegar a fin de mes. Neste contexto, á xente maior que podería contar co programa do talón restaurante fáiselle difícil pagar os 3,56 que lles custa, cada día, o menú.
O BNG presenta unha serie de preguntas para a resposta escrita co fin de coñecer a opinión do Goberno do Sr. Negreira
Por todo o anterior, o Grupo Municipal do BNG presentou na mañá de hoxe unha serie de preguntas para a resposta escrita co fin de saber que fallou na programación despois de orzar inicialmente 600.000 para financiar o talón restaurante no 2014 e logo de executarse só o 65%. Tamén preguntan as nacionalistas se non será que as dificultades importantísimas do pobo fan que unha medida como esta, onde cada persoa paga case o 50% do custo do xantar, xa tocou teito. Por último, o BNG interésase polos motivos que levaron o Goberno local a orzar coa mesma cantidade, 600.000, o programa nos orzamentos de 2015.