O BNG quere saber que motivou a escolla de rúas para as subvencións de mellora de imaxe do PEPRI
A Coruña, 1 de xaneiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha batería de preguntas para a resposta escrita sobre a escolla do chamado ámbito anual prioritario para a solicitude deas axudas ao abeiro da Ordenanza de concesión de subvencións para a mellora da imaxe urbana no ámbito PEPRI, aprobada en Xunta de Goberno Local o 11 de decembro de 2015. As nacionalistas advirten de que o ámbito aprobado polo Goberno do Sr. Negreira despois de ser analizado polo persoal técnico municipal comprende as avenidas da Mariña e de Montoto e as rúas Rela, Rego de Auga, Agar, Luchana e Fama. Porén, o Bloque bota en falta que no expediente da citada Xunta de Goberno non se incluíse ningún informe municipal que motivase esta escolla.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG sinala que desta vez aprobouse que o ámbito prioritario fose único, ao contrario do recollido na anterior convocatoria de subvencións, que estabelecía diferentes ámbitos prioritarios para as obras en fachadas e para a substitución de cartelaría. Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou que o prazo para presentar solicitudes de subvencións remate o 28 de febreiro e, precisamente, durante ese tempo, o Goberno do Sr. Negreira prevé aprobar o novo PEPRI. Isto significa que é posíbel que unhas solicitudes se presenten antes da aprobación deste novo documento e outra, despois.
Así, o Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao Goberno local cal é o motivo para estabelecer que o ámbito prioritario sexa único e que PEPRI se aplicará na presente convocatoria. Pregunta tamén pola motivación para a elección nesta nova convocatoria da zona da Mariña como ámbito anual prioritario Ademais, as nacionalistas sinálanlle ao Goberno do Sr. Negreira se non sería máis lóxico adiar a aprobación da apertura do prazo até que o novo PEPRI estiver aprobado.