O BNG lamenta que o Sr. Negreira non excluíse A Coruña da "barra libre" de horarios comerciais
A Coruña, 29 de decembro de 2014- Coincidindo coa publicación no DOG de hoxe da Resolución do 15 de decembro de 2014, da Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Economía e Industria, pola que se aproba a proposta motivada do Concello da Coruña e de declaración de determinadas áreas do municipio da Coruña como zona de grande afluencia turística, o Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira rexeitase solicitar a exclusión da Coruña da zona GAT. As nacionalistas sinalan que o Goberno do Sr. Negreira, a diferenza do caso de Vigo, nada fixo por impedir as consecuencias prexudiciais que esta resolución terá no pequeno e mediano comercio.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a inclusión da Coruña na zona GAT implica aplicar a barra libre dos horarios comerciais, feito que beneficia o gran comercio e as franquicias e que prexudica o comercio de barrio e de proximidade, que non pode contar con medios para operar nestas condicións. As nacionalistas indican que esta medida abocará á desaparición de pequenos e medianos comercios da cidade. De aí o posicionamento contrario de entidades como a Confederación Española de Comercio, que indicou nun comunicado que a ampliación de zonas GAT (...) non incrementa as vendas a turistas e que a medida é totalmente innecesaria co marco normativo dos horarios comerciais.
O BNG lembra o posicionamento en contra do PP a incluír Vigo na zona GAT
O Grupo Municipal do BNG lembra que na primeira proposta da Secretaría de Estado de Comercio recollía Vigo entre as 14 novas cidades afectadas pola zona GAT, mais finalmente caeu desta relación. Sinalan as nacionalistas ao respecto o posicionamento do Partido Popular en Vigo, que foi antagónico ao da Coruña. O propio portavoz do PP de Vigo opúxose de maneira activa á inclusión da cidade na zona GAT polo temor á imposibilidade de competir do pequeno comerico coas grandes superficies, feito que provocaría a perda de postos de traballo nos barrios.
Precisamente, na sesión plenaria de novembro, cando o Goberno local aprobou, co voto en contra do BNG, declarar determinadas áreas do Concello como zona GAT, o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, preguntou, sen obter resposta ningunha, por que non solicitaron, ao igual que os seus compañeiros de partido en Vigo, que A Coruña fose excluída da relación de grande afluencia turística do Real Decreto Lei?.
O Grupo Municipal do BNG lembra que amais de votar en contra da aprobación da proposta para declarar determinadas áreas do Concello como zona GAT no pleno de novembro, o Bloque tamén se posicionou en contra desta medida salvaxe no trámite parlamentar de convalidación e aprobación do Real Decreto Lei no Congreso dos Deputados. De feito, o BNG foi a única organización que puxo sobre a mesa o impacto negativo desta medida na cidade da Coruña.