O Goberno insolidario de Negreira volve deixar a 0 a partida de cooperación internacional
A Coruña, 15 novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia que por segundo ano consecutivo o Goberno do Sr. Negreira deixa a cero nos orzamentos da Concellaría de Servizos Sociais de 2015 a partida de subvencións destinadas ás actividades no exterior das ONGD. Ademais, as contas de Servizos Sociais métenlle a tesoira ao convenio do Concello co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A supresión da partida de subvencións destinadas a cooperación internacional e o tesoirazo ao Fondo Galego demostran que nos atopamos ante un Goberno local insolidario e desacomplexado que, lonxe de contribuír á construción dun mundo máis xusto e igualitario, erradica os fondos dedicados á axuda aos pobos e poboacións dos países desfavorecidos.
O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno do Sr. Negreira xa reducira a partida de subvencións destinadas ás actividades no exterior das ONGD nos orzamentos de 2013, cando recortou esta partida dos 140.000 euros consignados nos orzamentos de 2012 aos 90.000 euros. Nos orzamentos de 2014, o Goberno local decidiu suprimir esta partida, que renuncia a recuperar nos orzamentos de 2015. E isto, a pesar de que o Goberno do Sr. Negreira é coñecedor de que os 90.000 euros recollidos nos orzamentos de 2013 beneficiaron un total de 17 entidades que traballan no ámbito da cooperación internacional.
Pola outra banda, as nacionalistas apuntan que o convenio co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade viña sendo, desde o 2012, de 30.020 euros, cantidade que ascendeu a 50.000 euros nos orzamentos de 2014, precisamente, baixo a xustificación de que se anulara a partida de subvencións destinadas ás actividades no exterior das ONGD. Porén, nos orzamentos de 2015 tampouco se recolle a partida de subvencións para cooperación internacional e, pola contra, o convenio co Fondo Galego sofre un recorte de 20.000 euros, quedando nos 30.000 euros.
O BNG critica os cartos que Servizos Sociais lle transfire ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, á Deputación da Coruña e á Afundación
As nacionalistas denuncian que mentres o Goberno do Sr. Negreira lle mete a tesoira á solidariedade inxéctalle cartos ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, á Deputación da Coruña e á Afundación (antiga Fundación de Caixa Galicia).
O BNG critica que o Concello aumente un 25% a cantidade que lle transfire á Deputación da Coruña para o fogar infantil Emilio Romai, que pasa dos 12.000 euros que recollían os orzamentos de 2014 aos 15.000 euros que recollen os orzamentos de 2015. Tamén reproba os cartos que se lle transferirán ao Consorcio, xa que se reserva a mesma cantidade que en 2014, un total de 315.864 euros. E faino a pesar de que a Lei de Acompañamento dos orzamentos galegos de 2015 indica que os Concellos teñen que pagar a metade do que estaban a pagar.
Ademais, as nacionalistas lamentan que o Goberno local volva destinar 330.000 euros para Afundación (A Fundación da extinta Caixa Galicia) para a realización das actividades do Programa de erradicación do chabolismo. O BNG segue a apostar por que sexa o Concello, e non esta entidade que carece de experiencia na materia, quen se faga cargo da xestión pública e directa das axudas para a erradicación do chabolismo.
O BNG critica que o Goberno local dedique a mesma cantidade de cartos para un campamento de inglés que para os campamentos destinados ás crianzas
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG critica que o Goberno do Sr. Negreira lle dedique a mesma cantidade de recursos aos campamentos dirixidos aos máis pequenos, 50.000 euros, que a un só campamento de inglés.