O BNG exixirá en pleno a paralización da privatización do servizo de mantemento dos hospitais
A Coruña, 17 de novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG formulará na sesión plenaria de mañá, martes, un rogo oral instando ao Goberno Local a que apoie os traballadores do servizo de mantemento da Área Sanitaria da Coruña, que reclaman poder seguir desempeñando o seu posto de traballo actual. As nacionalistas, instan ao Goberno Local a que lle exixa á Xunta de Galiza a paralización inmediata da privatización do servizo de mantemento, un servizo público que funciona perfectamente, con custes reducidos, con profesionais moi cualificados, con experiencia e unha calidade na asistencia inmellorábel.
As nacionalistas lembran que o Partido Popular está a levar a cabo un proceso privatizador na Sanidade Pública que forma parte dunha estratexia de desmantelamento do sistema público de saúde pondo a crise como escusa. Estas privatizacións non teñen como obxectivo a mellora dos servizos nin o aforro económico e enerxético, senón o afán por privatizar a sanidade pública galega para lla entregar a empresas privadas que fan negocios coa saúde.
A privatización do servizo de mantemento e conservación de edificios, instalacións e equipos de diversos centros da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña aféctalles ao Hospital Teresa Herrera e o edificio anexo, ao Hospital Marítimo de Oza e o edificio anexo, o Hospital Abente y Lago (hospital, consultas externas, atención primaria e andares administrativos), o Centro de Especialidades do Ventorrillo e a Lavandaría de Agrela. Dita privatización suporá un aumento dos custes, ao manter o cadro de persoal propio e ao sumar o pagamento á empresa adxudicataria da privatización.