O Goberno do Sr. Negreira xoga co BNG ao remitilo a un informe sobre Nostián que non existe
A Coruña, 25 de xaneiro de 2013.- A opacidade do Goberno municipal sobre as auditorías técnica e ambiental da planta de tratamento de residuos de Nostián, adxudicada no pasado mes de novembro de 2011 a Applus Norcontrol S.L., e sobre auditoría económica ou estudo de viabilidade da concesión do servizo de tratamento e eliminación de residuos, adxudicada a KPGM, non ten fin. Tras denegárselles ás nacionalistas, até en dúas ocasións o 31.10.2012 e o 09.01.2013 (xuntamos solicitude e resposta), o acceso ao resultado das citadas auditorías, o Goberno municipal remitiu o Grupo Municipal do BNG a un informe do Servizo de Medio Ambiente que non existe, xa que só existiría de maneira informal.
Así, nunha resolución asinada a 15.01.2013, en que o se lles volvía a impedir ás nacionalistas o acceso á documentación, o Goberno municipal remitía o BNG a un suposto informe de data de 11.01.2013 en que se sinalaría que "persisten as circunstancias económicas".
Tras recibir esta resolución, o Grupo Municipal do BNG pediu o acceso a este suposto informe de 11 de xaneiro de 2013 e a nova mostra de falta de transparencia do Goberno do Sr. Negreira chegou cando as nacionalistas tiveron coñecemento, a través de documentación municipal, de que tal informe non existía. Así, no escrito asinado por Julio Flores e que consiste en dous correos electrónicos cruzados, a xefa de Servizo de Medio Ambiente revela que "dado el brevísimo plazo concedido para emitir la información relativa a la disponibilidad del expediente en el servicio y posibles motivos que impidan el acceso y/o expedir copia del mismo, tales informes se viene emitiendo de manera informal"
"Ás nacionalistas parécelles unha tomadura de pelo tanto a contestación asinada polo Sr. Flores como o feito de que se lles remitira a un informe inexistente. Así, consideran que o Goberno municipal está a enganar o BNG e está a xogar tanto coas nacionalistas como coa cidadanía, ao non permitirlle o acceso aos informes sobre as auditorías de Nostián. Que tipo de democracia é impedirlle a un grupo municipal exercer o control e a fiscalización do Goberno municipal?, pregúntase o BNG.
É obvio, sinalan as nacionalistas, que o Goberno do Sr. Negreira ten algo importante que ocultar respecto das auditorías de Nostián. Demóstrao tanto a camuflaxe intencionada do resultado das auditorías como as declaracións contraditorias do Goberno municipal, que chegou a dicir que eran "de uso interno". Neste contexto, as nacionalistas pregúntanse se o Sr. Negreira estará a negociar, ás agachadas, con Albada, dado que as auditorías darán a coñecer os incumprimentos que hai respecto do volume de tratamentos rexeitados por parte da empresa. Deste xeito, en función do contrato da concesión, poderíase saber de que parte é responsábel o Concello e de que parte é responsábel Albada.
O Goberno do Sr. Negreira, moi dado a ocultar información
O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno do Sr. Negreira é moi dado a agocharlle ás edís do BNG e, polo tanto, á cidadanía a información municipal, unha práctica antidemocrática que está a ser habitual no Concello da Coruña. A falta de transparencia levou o Goberno do PP a ser condenado polos tribunais, despois de que o BNG acudira a xustiza tras denegárselle o acceso do expediente de solicitude de subvención ao transporte colectivo urbano para o 2011.