O BNG entrégalle á Fundación Franz Weber todas as iniciativas presentadas en defensa dos animais

O BNG entrégalle á Fundación Franz Weber todas as iniciativas presentadas en defensa dos animais

A Coruña, 25 de xaneiro de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira reuniuse na mañá de hoxe co director da Fundación Franz Weber no Estado español e en Latinoamérca, Leonardo Anselmi, coa responsábel xurídica da fundación animalista, Anna Mulá, e mais co responsábel do colectivo en Galiza, Rubén Pérez, de cara a estreitar os espazos de colaboración e traballo en defensa dos animais.

A edila nacionalista fíxolles entrega aos responsábeis da fundación de todas as iniciativas presentadas polo Grupo Municipal do BNG no Concello da Coruña sobre a atención aos animais. Ademais de dar conta do apartado específico con propostas en defensa dos animais recollido no programa co que o BNG concorreu ás eleccións municipais, Veira transmitiulles todas as iniciativas presentadas polo BNG desde 2011 no que ten a ver coa feira taurina (asistencia de menores de 12 anos, escasa afluencia de persoas, financiamento con cartos públicos, cesión do Coliseum, etc) ou co Servizo de Recollida e Adopción de Animais.

Veira, que tamén lles achegou aos responsábeis da Fundación Franz Weber todas as respostas do Goberno municipal ás iniciativas do BNG, informou a Anselmi, Mulá e Pérez da reclamación presentada polas nacionalistas ás ordenanzas fiscais e de prezos públicos, entre as que figura a reclamación contra a suba das taxas por incineración de animais domésticos. Ademais, adiantoulles novas iniciativas nas que están a traballar as nacionalistas.

As touradas, un negocio para unha empresa por conta das subvencións municipais

No que ten a ver coas touradas, Veira denunciou que a feira taurina da Coruña é un negocio para a empresa por conta das subvencións municipais. A concelleira do BNG puxo de manifesto que as touradas na nosa cidade só se manteñen grazas ás axudas públicas, xa que carecen de afección. De feito, na feira taurina do pasado verán vendéronse un 39% menos de abonos e un 15% menos de entradas e, pola contra, aumentaron un 28% os convites.

Veira lembrou que se o Goberno do Sr. Negreira gastou 38.014 euros en axudas directas á feira taurina do pasado verán, unha cantidade á que habería que sumarlle uns 50.000 euros derivados dos gastos indirectos que asumiu o Concello, como son a seguridade, a limpeza, a enerxía eléctrica, o persoal de venda de entradas ou o aluguer do Coliseum.

Tanto a concelleira nacionalista e os responsábeis da fundación esixíronlle ao Goberno municipal suprimir todo tipo de axudas ás corridas de touros e que as taxas se lle cobren de xeito efectivo á empresa concesionaria.

 

O BNG entrégalle á Fundación Franz Weber todas as iniciativas presentadas en defensa dos animais