O BNG acusa o PP de pechar a biblioteca de Monte Alto porque lle sobra a participación cidadá

O BNG acusa o PP de pechar a biblioteca de Monte Alto porque lle sobra a participación cidadá

A Coruña, 24 de xaneiro de 2013.- As concelleiras do BNG María Xosé Bravo e Avia Veira reuníronse na mañá de hoxe con representantes da A VV As Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules, entre os que se atopaba o seu presidente, Alberte Fernández Mariño, para lles amosar o apoio do Grupo Municipal e de toda a organización local do BNG, logo de que a entidade tivera que pechar a biblioteca pública pola decisión do Goberno municipal de suprimir o convenio nominativo de 11.280 euros que mantiña coa asociación desde hai case tres décadas. Unha vez máis, as concelleiras do BNG esixíronlle ao Sr. Negreira que rectifique e que renove o convenio.

En rolda de prensa posterior á reunión, a edila María Xosé Bravo puxo en valor a función sociocultural da biblioteca, concibida como un espazo non só de información, senón tamén de xuntanza dos e das veciñas. "A decisión do Goberno municipal de suprimir o convenio nominativo só se pode entender dentro da redución de actividade cultural que sofre a cidade", sinalou. "Malia contar cun orzamento idéntico ao do 2011, a actividade cultural minguou considerabelmente e mesmo as bibliotecas contan con menos diñeiro para actividades e para mercar libros, xornais e revistas", apuntou.

Pola súa banda, a concelleira Avia Veira Veira cualificou de "castigo" a supresión do convenio nominativo á asociación de veciños pola súa rotunda oposición ao pelotazo de Durmideiras ou ao despedimento dos e das traballadoras da Torre. "O Goberno municipal non quere pechar Monte Alto polos recortes, senón porque lle sobra a cultura, sóbralle a veciñanza, sóbranlle as opinións contrarias ás súas barbaridades, sóbralle a democracia e sóbralle a participación cidadá", denunciou.

Veira: "O Sr. Negreira entende a participación cidadá como unha rede clientelar de asociacións de veciños e veciñas creada polo propio PP"

Veira amosouse moi crítica coa relación do Goberno municipal co tecido social e veciñal da cidade. Así, puxo de manifesto que "é deber do Sr. Negreira apoiar a cidadanía, mais, lamentabelmente, o modelo das Concellarías de barrio é inoperativo e ineficaz e non está a responder as necesidades das persoas". "O Sr. Negreira entende a participación cidadá como unha rede clientelar de asociacións de veciños e veciñas creada polo propio PP", denunciou.

"Alá onde planifica algo, este Goberno municipal crea un conflito social e o alcalde négase a recibir colectivos afectados por distintas situacións", apuntou. Puxo como exemplos o caso do Ofimático, o de Durmideiras e o da A VV Oza-A Gaiteira-Os Castros, dos Rosales ou do Castrillón. "É inconcebíbel que o Goberno municipal empregue as concelleiras de barrio como peneira para atender os conflitos que lles interesan ás persoas que lles interesan", advertiu. "Lembrámoslle ao PP que gobernar non é traballar para as súas amizades", engadiu.

Fernández Mariño: "Non somos inimigos de ninguén, só traballamos en defensa dos intereses do noso barrio"

Pola súa banda, o presidente da A VV As Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules agradeceu a asistencia masiva de axentes sociais, culturais, políticos e sindicais á asemblea "histórica" que tivo lugar na tarde de onte para tratar o peche da biblioteca. "A nosa sorpresa foi ver a solidariedade de colectivos da cidade que tamén están afectados polas falcatruadas da Concellaría de Cultura", sinalou.

Fernández Mariño puxo de manifesto que "castigar a veciñanza non é síntoma de ser bo gobernante" e acusou o Goberno municipal de manipular. "O Sr. Negreira trata de criminalizar os axentes sociais e culturais meténdoos dentro dun marco político para poder atacalos como se fosen grupos municipais da oposición", engadiu. "E nós non somos inimigos de ninguén, só traballamos en defensa dos intereres do noso barrio", apuntou.

Ademais, o presidente da entidade veciñal acusou o Goberno municipal de utilizar de xeito partidista as forzas de orde pública contra o tecido social e cultural. "Trátase dun feito grave e sen precedentes", advertiu.

Fernández Mariño anunciou que a A VV As Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules seguirá traballando sen descanso e convocou a cidadanía a participar na concentración contra o peche da biblioteca, que terá lugar o vindeiro martes, 29 de xaneiro, ás 19.30, no exterior do local da asociación (no Campo de Marte). Precisamente, o día 30, os responsábeis da entidade veciñal reuniranse coa concelleira de Cultura.

 

O BNG acusa o PP de pechar a biblioteca de Monte Alto porque lle sobra a participación cidadá