O Goberno do Sr. Negreira róuballe a carteira á cidadanía cos impostos e taxas municipais
A Coruña, 31 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG considera que o Goberno do Sr. Negreira está a roubarlle a carteira á cidadanía da Coruña coa suba de impostos e taxas municipais que aprobou en Xunta de Goberno. De feito, o PP encareceralle o vindeiro ano á cidadanía servizos tan esenciais como a auga. Non se librarán os cidadás e cidadáns de pagar máis polo IBI, que xa este mesmo ano sufriu un aumento do 10%, polo uso de instalacións deportivas e culturais e mesmo polos servizos relacionados cos animais.
Ademais, os nacionalistas advirten da creación dun novo imposto para o uso das hortas urbanas, impedindo, así, o acceso ao cultivo ás persoas con menos recursos. O Grupo Municipal do BNG considera unha sangría facerlle pagar aos coruñeses e coruñesas unha cota de inscripción inicial de 50 euros e unha cota mensual de 25 euros por traballalas. Os nacionalistas comparan estas hortas para ricos coas hortas accesíbeis a toda a cidadanía do Concello de Santiago, cuxo uso é de balde e que están a gozar dun grande éxito entre os veciños e veciñas, pola súa xestión participativa.
Ademais da suba da auga, do IBI, do uso das instalacións deportivas e culturais e dos servizos relacionados con animais, o Goberno do PP cobrará polas hortas urbanas e restrínxelle o acceso á cidadanía con menos recursos
O Grupo Municipal do BNG esixiralle ao Goberno municipal cambiar a filosofía mercantilista e recadatoria que ten sobre as hortas urbanas. Fronte ás vías do Sr. Negreira, que deixou a porta aberta para que sexa unha empresa privada quen xestione as hortas, os nacionalistas apostan por que cultivar nestes terreos sexa de balde, polo autoconsumo, pola autoxestión e por plantarlle cara ao urbanismo desenfrenado. Precisamente, os nacionalistas presentaran unha iniciativa no Pleno ordinario do mes de xullo neste sentido.