O Goberno do Sr. Negreira acorda que a veciñanza asuma o 39% da rehabilitación de vivendas
A Coruña, 17 de abril de 2015.- O Grupo Municipal do BNG sinala que a veciñanza asumirá o 39% da rehabilitación de edificios e vivendas, segundo a solicitude que o Goberno Local achegará ao Instituto Galego de Vivenda e Solo para participar no programa de renovación e rexeneración urbana do Plan Estatal 2013-2016, que foi hoxe a Xunta de Goberno Local.
Así nas novas fases das ARRUS de Santa Cristina-Palavea, Mariñeiros e Casco Histórico da Cidade Vella e Pescaría e as novas ARRUS que se solicitan (Elviña, Casas de Franco-Ventorrillo e Labañou-María Pita) o custe de actuación en rehabilitación é de 9.323.982 euros. Destes a achega das veciñas e veciños destas áreas para esta solicitude é de 3.647.488 euros, un 39% do total, mentres que o Ministerio de Fomento achegará máis do 35% e o Concello da Coruña o 25%.
Estas achegas da veciñanza para a rehabilitación de edificios e vivendas fanse maiores no que respecta á área de rehabilitación do Casco Histórico da Cidade Vella e Pescaría. Deste xeito, as veciñas e os veciños desta zona da cidade terán que asumir o 65% de todo o investimento (2.139.301 euros), sendo o restante, 1.151.932 euros achegado por parte do Ministerio de Fomento.
As nacionalistas lembran, por último, que o novo Plan Estatal de fomento de alugueiro de vivendas, de rehabilitación edificatoria e rexeneración e renovación urbanas 2013-2016 recortou un 5% as achegas do Estado para actuacións de rehabilitación. Recorte que se aplicou retroactivamente modificando os convenios asinados na comisión bilateral de 14 de maio de 2012, que se rexían polo plan anterior, cando non tiñan por que se ver alterados, e que o Goberno Municipal silenciou e tolerou.